A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Medio Ambiente, ofertará esta Semana Santa un total de 550 prazas para coñecer as Illas Atlánticas a través de rutas guiadas de carácter gratuíto. Para participar, os interesados poderán anotarse o mesmo día da visita nos puntos de información de Cíes e Ons aínda que tamén […] A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Medio Ambiente, ofertará esta Semana Santa un total de 550 prazas para coñecer as Illas Atlánticas a través de rutas guiadas de carácter gratuíto. Para participar, os interesados poderán anotarse o mesmo día da visita nos puntos de información de Cíes e Ons aínda que tamén
A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Medio Ambiente, ofertará esta Semana Santa un total de 550 prazas para coñecer as Illas Atlánticas a través de rutas guiadas de carácter gratuíto. Para participar, os interesados poderán anotarse o mesmo día da visita nos puntos de información de Cíes e Ons aínda que tamén haberá 134 prazas dispoñíbeis nalgunhas das rutas que se poderán tramitar en liña a través da central de reservas do Parque Nacional das Illas Atlánticas de Galicia.

Estas visitas, dirixidas por guías profesionais do propio espazo natural, pretenden “dar a coñecer un ano máis o patrimonio ambiental e paisaxístico destes arquipélagos así como aspectos destacados da súa historia”.
En canto ás rutas, están pensadas para grupos reducidos co fin de garantir unha experiencia de calidade e o máis personalizada posible, á vez que se respecta e preserva a contorna natural.
No caso das illas Cíes e Ons haberá itinerarios guiados a pé todos os días, entre o 28 de marzo e o 5 de abril, con diferentes horarios, percorridos e contidos que combinarán temas de fauna, flora, paisaxe, xeoloxía e historia. A maiores, tamén se pode reservar praza para realizar nas Cíes a ruta Illa de paisaxes —que se celebrará ás 12,00 horas os días 28 e 29 de marzo e 2,3, 4 e 5 de abril— e o martes 31 de marzo organizarase un itinerario de carácter histórico a un miradoiro, baixo o título Cíes no tempo.
En Ons haberá dous tipos de roteiros: Unha illa de dúas caras, os días 28 e 29 de marzo e 2,3 e 5 de abril e centrada máis na riqueza paisaxística, e Os primeiros poboadores, que o 1 e o 4 de abril ofrecerán aos participantes unha visión histórica da illa.
Cómpre subliñar que todas estas rutas están pensadas para adultos, pero a oferta do Parque Nacional das Illas Atlánticas de Galicia tamén inclúe propostas máis familiares recomendadas para menores de idade, de entre 5 e 12 anos. Así, a través da actividade Detectives na praia, cunha boa acollida en anos anteriores, os participantes descubrirán os rastros de animais e algas que o mar deixa sobre a praia e investigarán sobre a vida destas especies mariñas. Esta actividade celebrarase o domingo 29 de marzo pola tarde en Cíes e o 5 de abril ao mediodía no caso de Ons.
Polo que respecta á illa de Cortegada, a ruta guiada O segredo dun bosque no medio do mar será de carácter histórico e botánico e centrarase nas árbores e ruínas de edificios antigos. Está prevista para o xoves 2 de abril e o domingo día 5 pola mañá.
En canto a Sálvora, este ano non haberá rutas guiadas polas obras que se están a acometer nestes momentos en varios puntos da illa.
Practicar sendeirismo no parque nacional
O Parque Nacional das Illas Atlánticas vén ofrecendo de forma case ininterrompida este tipo de itinerarios guiados e de balde por Cíes e Ons, coincidindo cos períodos nos que hai servizo de transporte regular en barco a ambos arquipélagos.
Medio Ambiente lembra que en todas as illas existen itinerarios sinalizados pensados para visitantes que queiran practicar sendeirismo neste espazo natural protexido. Cada unha destas rutas está marcada cunha cor e tanto nas propias illas como na web do parque hai dispoñíbeis folletos explicativos cos percorridos.
Para poder acceder ao Parque Nacional esta Semana Santa é necesario que os visitantes adquiran pola súa conta un billete de barco con calquera das navieiras autorizadas a operar o servizo de transporte regular ás illas. Será nese momento, unha vez mercado o billete, cando a autorización de acceso outorgada pola Xunta quede confirmada e se lle remitirá por correo electrónico ao solicitante, que poderá descargala se o prefire desde a propia páxina web.
En Cortegada non hai transporte regular polo que é a dirección do parque a que xestiona o barco, pero o prezo do billete deberá ser abonado de igual modo polos participantes antes da ruta e seguindo as indicacións que se lle dean.
Cómpre lembrar que calquera das rutas ofertadas en Cíes, Ons e Cortegada en Semana Santa son susceptibles de ser anuladas polo parque nacional en función das condicións meteorolóxicas ou por incidencias organizativas que poidan xurdir.
Barbanza-Arousa | O Barbanza
