A mostra sobre o regreso de Castelao a Galicia con imaxes de Xan Carballa pódese visitar en Rianxo até o 10 de xaneiro

Unha das exposicións máis relevantes das que podemos visitar estes días na comarca, a mostra Castelao, o retorno a Galicia, 1984. A presenza de Rianxo. Xan Carballa (fotografías), terá as súas portas abertas até a vindeira semana, até o 10 de xaneiro de 2025 no Auditorio de Rianxo. A exposición encádrase nas celebracións dos Actos […] Unha das exposicións máis relevantes das que podemos visitar estes días na comarca, a mostra Castelao, o retorno a Galicia, 1984. A presenza de Rianxo. Xan Carballa (fotografías), terá as súas portas abertas até a vindeira semana, até o 10 de xaneiro de 2025 no Auditorio de Rianxo. A exposición encádrase nas celebracións dos Actos  

Unha das exposicións máis relevantes das que podemos visitar estes días na comarca, a mostra Castelao, o retorno a Galicia, 1984. A presenza de Rianxo. Xan Carballa (fotografías), terá as súas portas abertas até a vindeira semana, até o 10 de xaneiro de 2025 no Auditorio de Rianxo.

A exposición encádrase nas celebracións dos Actos Castelao 2025 organizados polo Concello, que comezaron o venres 13 cunha mesa redonda sobre o traslado dos restos de Castelao ao Panteón de Galegos e Galegas Ilustres, así como coa apertura da devandita exposición fotográfica.

Organizada en colaboración do Museo de Pontevedra e a Fundación Castelao, a exposición fotográfica poderase visitar de luns a venres de 10.00 a 14.00 h. A mostra esta articulada a partir de 52 fotografías realizadas o 28 de xuño de 1984 por Xan Carballa durante os actos desenvolvidos en Santiago con motivo do retorno a Galicia dos restos de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao.

A orixe da exposición

O escritor, artista e líder galeguista falecera na Arxentina en xaneiro de 1950. Desde esa data, o seu corpo descansaba no cemiterio de Chacarita de Buenos Aires, albergado no Panteón Social do Centro Gallego. Restauradas as liberdades democráticas en 1978, a demanda do seu retorno a Galicia pasou a ser unha reivindicación que anos despois sería asumida polo Parlamento galego tralas primeiras eleccións autonómicas: un acto parlamentario que foi aprobado por unanimidade das forzas políticas representadas, despois dunha proposta impulsada polo deputado nacionalista Camilo Nogueira.

Concretada a data para o seu retorno, o fotógrafo e xornalista Xan Carballa realizou unha reportaxe que configura esta exposición e que se centra nun acto histórico de gran magnitude acontecido o 28 de xuño de 1984. Unha narración en imaxes que Carballa executa con destino ao desaparecido semanario A Nosa Terra nos tres espazos de Santiago de Compostela en que se desenvolveron os acontecementos principais do retorno histórico dos restos de Alfonso Castelao a terra galega: o aeroporto da Lavacolla, os exteriores de San Domingos de Bonaval e o propio interior do Panteón de Galegos Ilustres onde a gran figura do galeguismo foi cerimoniosamente soterrada.

“As fotografías de Carballa, realizadas hai corenta anos e restauradas para esta mostra, expóñense como unha gran crónica visual que narra tanto os intentos por parte das autoridades da Xunta de Galicia de preparar un protocolo para os actos de benvida que se correspondesen coa importancia da figura histórica de Castelao, como a serie de incidentes e manifestacións que se viviron ese día ante o aeroporto da Lavacolla e, con maior intensidade, na entrada de San Domingos de Bonaval”, explican as entidades organizadoras da mostra, engadindo que “este conxunto de imaxes plasmado por Xan Carballa relaciona a este autor co canon imperante naquel novo fotoxornalismo, maioritariamente en branco e negro, que se implantou con conquistados aires de liberdade de prensa nos xornais e semanarios de todo o Estado desde o fin da ditadura franquista”. 

Xan Carballa (Vigo, 1960) é un reputado fotógrafo, xornalista e editor que ten desenvolvido nestes tres eidos unha traxectoria que comezou na década dos 80 para responsabilizarse, entre outros, de pioneiros proxectos editoriais, nalgún caso en colaboración co Museo de Pontevedra, nos que a figura de Castelao sería o eixe central. No seu papel de fotógrafo, Carballa forma parte desa xeración de profesionais da imaxe que documentou desde un comprometido xornalismo fotográfico os intensos cambios sociais que aconteceron en Galicia nas dúas últimas décadas do século XX. O arquivo de Xan Carballa abrangue, con miles de imaxes acumuladas, boa parte dos feitos máis destacados da nosa historia contemporánea.

Para a mostra Castelao: o retorno a Galicia, 1984. Xan Carballa, fotografías, o seu comisario Xosé Enrique Acuña, autor dunha fotobiografía sobre Castelao, deseñou con clara intención contextual un espazo propio e diferenciado, entendido como prólogo á serie fotográfica de Xan Carballa, onde se incide no cosmos de Castelao e especialmente nos seus anos de exilio nos Estados Unidos, Cuba e Arxentina.ç

 Barbanza-Arousa | O Barbanza

Noticias Relacionadas