O Concello da Pobra do Caramiñal presentou esta mañá a vixésimo sétima edición das Xornadas en homenaxe a Ramón María del Valle-Inclán, unha cita xa consolidada no calendario cultural do municipio que busca poñer en valor a figura e a obra dun dos grandes nomes da literatura galega e española. Durante o acto, a concelleira […] O Concello da Pobra do Caramiñal presentou esta mañá a vixésimo sétima edición das Xornadas en homenaxe a Ramón María del Valle-Inclán, unha cita xa consolidada no calendario cultural do municipio que busca poñer en valor a figura e a obra dun dos grandes nomes da literatura galega e española. Durante o acto, a concelleira
O Concello da Pobra do Caramiñal presentou esta mañá a vixésimo sétima edición das Xornadas en homenaxe a Ramón María del Valle-Inclán, unha cita xa consolidada no calendario cultural do municipio que busca poñer en valor a figura e a obra dun dos grandes nomes da literatura galega e española.

Durante o acto, a concelleira de Cultura destacou que estas xornadas “son unha oportunidade para achegar a figura de Valle-Inclán á veciñanza, a través de diferentes propostas pensadas para todos os públicos”. O programa, que se desenvolverá entre os meses de outubro e novembro, inclúe conferencias, exposicións, teatro na rúa, obradoiros e outras actividades. Na presentación participaron tamén o director xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, e o director do museo Valle-Inclán, Antonio González.
O calendario arrincará o sábado 18 de outubro, coa conferencia “Valle-Inclán na arte galega”, a cargo de Miriam Elena Cortés López, profesora da USC, no auditorio da biblioteca municipal. O domingo, día 19, o Cantón da Leña acollerá o roteiro teatralizado “Los blasones de Viana del Prior”, guiado polo actor Suso Martínez.
Os días 21 e 22 de outubro, o alumnado dos colexios Pilar Maestú Sierra e Salustiano Rey Eiras poderá gozar das representacións de monicreques de “Farsa italiana enamorada del rey”, a cargo de Teatro Cachirulo.
O xoves 23, a Casa da Cultura inaugurará a exposición “Castelao: a santificación de Valle-Inclán. Da estrea mundial de Divinas Palabras ao exilio”, comisariada por Antonio González Millán. O venres 24, no Museo Valle-Inclán, presentarase a edición facsímile de “A miña irmá Antonia”, editada pola Secretaría Xeral de Política Lingüística.
O sábado 25, o escultor Gonzalo Sánchez Mendizábal ofrecerá a conferencia “Valle-Inclán como inspiración da arte” no auditorio da biblioteca municipal.
A xornada central celebrarase o mércores 29 de outubro, coincidindo co aniversario do nacemento do escritor. A partir das 12:00 horas, o grupo GMT Caraveiros realizará unha ruada musical polos principais espazos da vila, e ás 12:30 terá lugar a ofrenda cívica diante do monumento a Valle-Inclán no Cantón da Leña.
O xoves 30, presentarase o nº 2 da revista Foro Galicia e Valle-Inclán, dirixida por Xaquín del Valle-Inclán, dedicada á investigación e divulgación da súa obra.
Xa en novembro, o domingo 2, Títeres Alakrán representará “Xan Quinto e outros romances de cego” na Alameda e na praza da Fonte dos Catro Canos. O sábado 8, a calígrafa Alba Farto impartirá no museo o obradoiro “Arte da rotulación e lettering”, dirixido á mocidade e persoas adultas.
O ciclo pecharase o sábado 15 de novembro coa posta en escena de “A miña irmá Antonia” por Teatro en Punto, con dirección de Gloria Rico Galán, unha función que comezará na Alameda e continuará na praza da Fonte dos Catro Canos.
Paralelamente, desenvolverase a acción cultural “De Santos a Nadal – Letras de aquí e acolá”, que colocará marcadores conmemorativos en distintos establecementos da vila, recollendo palabras de amor e loanza de Valle-Inclán á Pobra do Caramiñal.


Barbanza-Arousa | O Barbanza