Da man do seu centro de Coworking, A Pobra embarcarase este xoves 26 de xuño,nunha actividade pioneira: A travesía do emprendemento con perspectiva de xénero. Trátase dunha xornada feita por e para mulleres coa que se buscará vincular a tradición mariñeira do concello coa cultura dos negocios. O Coworking acolleu este mércores 25 a presentación […] Da man do seu centro de Coworking, A Pobra embarcarase este xoves 26 de xuño,nunha actividade pioneira: A travesía do emprendemento con perspectiva de xénero. Trátase dunha xornada feita por e para mulleres coa que se buscará vincular a tradición mariñeira do concello coa cultura dos negocios. O Coworking acolleu este mércores 25 a presentación
Da man do seu centro de Coworking, A Pobra embarcarase este xoves 26 de xuño,nunha actividade pioneira: A travesía do emprendemento con perspectiva de xénero. Trátase dunha xornada feita por e para mulleres coa que se buscará vincular a tradición mariñeira do concello coa cultura dos negocios.

O Coworking acolleu este mércores 25 a presentación da iniciativa, na que estivo presente a concelleira de Promoción Económica, Amparo Cerecedo. Durante a súa intervención, a edil sinalou que o obxectivo non é outro “que dar visibilidade e fortalecer o talento e o emprendemento en feminino”. Unha liña de meta que se conseguirá cun enfoque “100% práctico, realizando unha especie de xogo de rol”. Por medio dunha auténtica travesía náutica, farase un símil entre os pasos e retos que calquera persoa pode atopar á hora de montar un negocio e os que hai que dar para navegar. A proposta incluirá formación en xestión empresarial e un obradoiro de xestión emocional, proporcionando un espazo de networking para as participantes.
A edil sinalou que a esencia desta xornada reside na súa innovadora proposta: utilizar unha travesía marítima como metáfora do proceso emprendedor. As participantes terán a oportunidade de experimentar as fases do emprendemento, desde a preparación inicial ata a consolidación do negocio, aprendendo a identificar sinais, a tomar decisións e a adaptarse ás circunstancias.
Deste xeito, a bordo das embarcacións A Moura, A Maruxaina e A Serea –patroneadas por mulleres para reforzar a presenza feminina en sectores tradicionalmente masculinizados– revisaranse os seguintes conceptos: plan de negocio e análise de riscos: como navegar con seguridade no mundo empresarial; investigación de mercado: identificando o rumbo adecuado para o proxecto; anticipación de escenarios futuros: visión a longo prazo; optimización de recursos: xestión eficiente de ferramentas e habilidades; flexibilidade e adaptación: sabendo pivotar cando o mercado o require; responsabilidade social e sostibilidade ambiental: xestión de residuos a bordo; creación de redes e alianzas estratéxicas: interacción con outras embarcacións; e consolidación do negocio: chegando ao punto de estabilidade e crecemento.
O Coworking da Pobra: Laboratorio para o Emprendemento Colaborativo
Esta xornada é unha experiencia piloto na que o principal obxectivo é ofrecer a oportunidade de colaborar e facer do Coworking un auténtico laboratorio de ensaios para o emprendemento colaborativo. Con esta iniciativa, o Concello aspira a converterse nun referente de apoio municipal ao emprendemento con perspectiva de xénero. Isto é, promovendo a cooperación e as alianzas e non a competitividade.
Unha Travesía con liderado feminino
En total, prevese a participación dunha trintena de mulleres. Ademais das propias usuarias do Coworking da Pobra e de usuarias e xestoras doutros espazos similares, contarase coa presenza da concelleira de Promoción Económica da Proba e tamén da edil de Ribeira, Genoveva Betanzos. A responsábel de Igualdade da Deputación da Coruña, Sol Agra, estará tamén presente na travesía.
Xestión Emocional e Creación de Redes
A Travesía do Emprendemento servirá para abordar cuestións técnicas do proceso de emprender, pero tamén de tipo emocional. Así, levarase a cabo un obradoiro dirixido pola especialista en terapia Gestalt, Nancy Silva. Durante o mesmo, aprenderán a identificar a presión social, daráselles estratexias para harmonizar a vida persoal e profesional e inculcaráselles a importancia da conciencia emocional e a necesidade de desenvolver a resiliencia fronte aos fracasos.
A actividade culminará cun espazo de diálogo fronte ao mar, no chiringuito de Xobre, coordinado por Beatriz Rivas, onde se poderán establecer alianzas, compartir experiencias e fortalecer as redes profesionais nun ambiente distendido.
Emprendedoras locais
O proxecto é o resultado da colaboración entre as seguintes emprendedoras locais, usuarias do Coworking:
Beatriz Pereira (Lendas da Curota): encárgase da organización da travesía marítima.
Beatriz Rivas (Xobre Chiringuito): coordina o espazo de networking
Nancy Silva (Apertas de Cores): dirixe o taller de xestión emocional
Sonia García (Xouba Cromática): encargada da reportaxe audiovisual
Uxía Santos (Kracia): responsábel da campaña en redes sociais
Podemos consultar toda a información sobre o proxecto na Rede.
Barbanza-Arousa | O Barbanza