“O museo está difundindo a nivel internacional a imaxe cultural da actual Galicia”.A pinacoteca de Artes, en Ribeira, atesoura unha colección de máis de 40.000 estampas, e albergou desde a súa creación en 2001 máis de130 exposicións O coleccionista e mecenas de arte gráfica, fundador do Museo do Gravado e da Fundación Museo de Artes […] “O museo está difundindo a nivel internacional a imaxe cultural da actual Galicia”.A pinacoteca de Artes, en Ribeira, atesoura unha colección de máis de 40.000 estampas, e albergou desde a súa creación en 2001 máis de130 exposicións O coleccionista e mecenas de arte gráfica, fundador do Museo do Gravado e da Fundación Museo de Artes

O coleccionista e mecenas de arte gráfica, fundador do Museo do Gravado e da Fundación Museo de Artes do Gravado á Estampa Dixital, Francisco Javier Expósito Paradela (Noia, 1948), ingresou hoxe na Real Academia Galega de Belas Artes (RAGBA), nun acto celebrado no Auditorio Municipal de Ribeira, como académico de honra da institución trala lectura do seu discurso “Un museo no mundo rural. Museo do Gravado de Artes”.
Ademais do presidente da RAGBA, Manuel Quintana Martelo, e outros académicos da organización, asistiron ao evento o presidente da RAGBA, Manuel Quintana Martelo, ademais doutros académicos da institución, e autoridades como o conselleiro de Cultura, José López Campos; o conselleiro de Educación, Román Rodríguez; o director Xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; a presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez; o alcalde de Ribeira, Luís Antonio Pérez; o alcalde de Porto do Son, José Luís Oujo; a alcaldesa de Lousame, Teresa Villaverde; o alcalde de Noia, Santiago Freire; a alcaldesa de Muros, María Lago; o alcalde da Pobra do Caramiñal, José Carlos Vidal; ademais de varios exalcaldes de Ribeira e Boiro e distintas
personalidades do mundo académico e cultural.

Manuel Quintana Martelo louvou o labor de Francisco Javier Expósito Paradela en prol das artes da imaxe, o gravado e a estampación dixital desde o lugar de Artes, co desenvolvemento dun “centro en plena actividade que non ten parangón, e está no máximo expoñente dentro do panorama nacional”, xunto ao Museo de Grabado Español Contemporáneo de Marbella e a institución Calcografía Nacional que sinalou que compoñen unha tríade imprescindible para ver, entender e amosar o que significa a estampación. “A incorporación de Expósito a esta centenaria institución é un activo que contribuirá a aumentar o noso percorrido e a ennobrecer unha Academia que está sempre a prol da protección, divulgación, recuperación e conservación do noso país” –agregou–.
Francisco Javier Expósito Paradela, nunha emocionada exposición, relatou as orixes e o actual estado do Museo do Gravado, situado na parroquia ribeirense de Artes, que xurdiu grazas a súa paixón por coleccionar libros antigos de gran valor polos seus textos, ilustracións e gravados. “Hai medio século iniciei a colección de libros en librarías de Cádiz e de Madrid, na Cuesta Moyano, na rúa Huertas e no barrio das Letras, e tamén na Libraría Posadas en Bruxelas, na Portobello en Londres ou noutras de París, Bruxas, Ámsterdam ou Bos Airtes” –sinalou–.

Todos estes lugares forman parte da historia de Expósito co coleccionismo de libros que se estendeu ás imaxes e estampas dos libros e finalmente desembocou no coleccionismo de obra gráfica, gravado ou obra múltiple. “O gravado, aínda na súa forma máis sinxela de representación, como a xilografía ou a impresión en releve, ten algo estético diferenciador de medios directos como o debuxo ou a pintura, máis alá da súa capacidade de repetir as imaxes” –confesou–.
Ante a cantidade de obras coleccionadas, Expósito explicou como decidiu crear un museo especializado en obra gráfica, asesorado polo catedrático de Historia da Arte, José María González de Zárate que catalogou os primeiros fondos. “A idea de crear un museo era perfecta para manter a colección unida e posibilitar que no medio rural de Galicia se creara unha institución destas características, financiado unicamente con aporte familiar. Sería un contedor dos libros e estampas coleccionadas e á vez serviría para mostralas en salas expositivas, ata converterse tamén nun museo de exposicións
temporais de obra gráfica en colaboración con outras entidades co importante obxectivo de potenciar o mundo do gravado e atraer visitantes permanentemente.

Concibiuse así un museo do gravado contemporáneo, vivo e dinámico” –argumentou–.
Trala creación do padroado da Fundación e a inauguración da pinacoteca en xullo de 2001, Expósito narrou os inicios do museo que dispón nos seus fondos de coleccións dos máis destacados mestres do gravado antigo e contemporáneo, configurando así “a primeira institución destas características do Estado español”.
O novo académico de honra sinalou que o museo centra o seu obxectivo na colección, estudio, difusión da arte gráfica desde as súas orixes aos nosos días, con obras que van desde o século XV, representado pola estampa La Virgen del Rosario (1488), ata a actualidade, onde destacan ilustres artistas como Goya, Rubens, Rembrandt, Dalí, Picasso, Rafael Alberti, Da Vinci, Saura, Tapies, Miró, etc.; e tamén gravadores galegos como Alfonso Costa, Virxilio, Leopoldo Novoa, Manuel Facal, Castelao, Isaac Díaz Pardo, Seoane, Quintana Martelo, Eugenio Granell, entre moitos outros. Todas as
coleccións están clasificadas por escolas –española, alemá, francesa, italiana, holandesa, inglesa ou galega– e os estudios particulares dos artistas, e tamén polas diversas técnicas de gravado (xilografía, litografía, serigrafía, linoleografía, augaforte, aguatinta, punta seca…).
Francisco Javier Expósito Paradela tamén fixo unha recompilación dos principais datos do museo, xa que actualmente atesoura unha colección de máis de 40.000 estampas, unha nutrida colección que o propio Expósito segue aumentando con novas adquisicións. Ademais, apuntou que este espazo expositivo xa albergou máis de 130 exposicións de fondos propios e da colaboración con outras institucións, e editou máis de 150 catálogos ao longo dos anos. Dada a calidade da colección, Expósito engadiu que moitas obras son cedidas, en forma de préstamos, a museos nacionais e internacionais. “O museo está difundindo a nivel internacional a imaxe cultural da actual Galicia” –aseverou–.

O museo dispón dun taller de gravado especializado no que xa se impartiron 20 cursos de contidos inéditos nos que participaron máis de 600 artistas
Francisco Javier Expósito Paradela falou tamén no seu discurso da creación dun taller de gravado especializado en 2018, posto en marcha coa Universidade de Salamanca da man do catedrático José Fuentes, un dos máis destacados investigadores do gravado en España, así como outra colaboración de bolseiros coa Universidade de Santiago, para poñer en valor o contido e función do propio museo a través da práctica dos procesos de gravado e “aproximar o gravado ao mundo dos artistas”, que na súa maioría tiñan un coñecemento superficial ou indirecto do mesmo. De forma
ininterrompida, un equipo de tres profesores impartiron ata o de agora 20 cursos de contidos inéditos nos que se formaron máis de 600 artistas. Ademais, apuntou que o reto futuro do taller é ampliar o ámbito formativo á universidade. “O taller está na primeira liña de investigación e formación no gravado contemporáneo. Somos en España hoxe un referente nestes cursos, non só pola novidade das técnicas impartidas, senón polo resultado e os obxectivos obtidos” –manifestou–.
Unha biblioteca ilustrada con 8.600 libros que permiten un percorrido pola arte do gravado desde o século XVI aos nosos día Unha das xoias do museo é a súa biblioteca ilustrada, inaugurada en 2019, que conta con 8.600 volumes de libros antigos ilustrados con gravados. Francisco Javier Expósito
Paradela compartiu que na súa última remodelación clasificáronse a maioría de libros, grazas a o financiamento da Xunta e á catalogación da Deputación da Coruña, o que permitirá que proximamente se entre na Rede de Bibliotecas de Especial Protección da Xunta. Outro dos obxectivos a curto prazo que sinalou foi o inicio da dixitalización dos libros. “Os libros desta biblioteca ilustrada permiten realizar un percorrido pola arte do
gravado desde o século XVI aos nosos días” –afirmou–.
Outra das iniciativas lideradas por Francisco Javier Expósito Paradela foi a creación do Premio Internacional Atlante en 2009, galardón que internacionalizou a fama do museo grazas á participación de centos de artistas de todo o mundo e que xa celebrou a súa decimo quinta edición. Más de 5.000 artistas presentaron obras a este prestixioso certame, que reparte anualmente 14.500 € en premios.
Pola súa parte, Felipe-Senén López, académico numerario da Sección de Arqueoloxía e Museoloxía da RAGBA, contestou en nome da Academia ao discurso do seu novo integrante. O académico sinalou que o discurso de Francisco Javier Expósito Paradela é “unha lección do camiño andado”, das xestións na creación do museo e diferentes declaracións de intencións do camiño a seguir. “Hoxe abrimos de xeito excepcional as portas desta corporación a algo máis que a un amante ou experto nas artes, senón tamén a un coleccionista especializado nese universo que é o gravado, unha revolución en marcha, permanente, inacabada, motivada agora polo imperio das novas tecnoloxías, por esa ansia de reproducir mensaxes, estampas, fantasías, ciencia, devocións, creacións… obras de arte para achegalas a todos” –apuntou–.
Barbanza-Arousa | O Barbanza