A Xunta e a Fundación Castelao crean unha mostra inmersiva e hiperrealista do escritor rianxeiro grazas á IA

A Consellería de Cultura e a Fundación Castelao desenvolveron unha mostra inmersiva que presenta unha recreación hiperrealista do inmortal escritor e debuxante rianxeiro e da súa voz grazas ao emprego das ferramentas de Intelixencia Artificial. O proxecto foi dado a coñecer nos seus detalles polo conselleiro de Cultura, José López Campos, este 3 de xuño […] A Consellería de Cultura e a Fundación Castelao desenvolveron unha mostra inmersiva que presenta unha recreación hiperrealista do inmortal escritor e debuxante rianxeiro e da súa voz grazas ao emprego das ferramentas de Intelixencia Artificial. O proxecto foi dado a coñecer nos seus detalles polo conselleiro de Cultura, José López Campos, este 3 de xuño  

A Consellería de Cultura e a Fundación Castelao desenvolveron unha mostra inmersiva que presenta unha recreación hiperrealista do inmortal escritor e debuxante rianxeiro e da súa voz grazas ao emprego das ferramentas de Intelixencia Artificial.

O proxecto foi dado a coñecer nos seus detalles polo conselleiro de Cultura, José López Campos, este 3 de xuño no Museo Centro Gaiás. Lembrou que a exposición inmersiva Castelao. Mirar por Galicia foi realizada pola Xunta e a Fundación Castelao e que a mostra representa “a experiencia tecnolóxico-cultural máis avanzada ata o momento ao redor de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, un percorrido para atravesar o devir persoal, literario, artístico e político dunha das figuras máis senlleiras de Galicia”.

Encadrado na programación da Xunta con motivo do Ano Castelao, este proxecto de arte dixital abrirá as súas portas na Cidade da Cultura a finais de xuño, nunha proposta que combina Intelixencia Artificial, hologramas, videoproxeccións e Realidade Virtual para “trasladar unha visión anovadora da vida e o universo artístico de Castelao, recreando a súa imaxe e a súa voz grazas ao potencial das novas tecnoloxías”, sinalou o conselleiro, engadindo que Castelao. Mirar por Galicia representará “unha experiencia inmersiva e rigorosa, onde as novas tecnoloxías intelixentes póñense ao servizo dun uso ético e responsábel con grande esixencia metodolóxica”. Aludiu así López Campos ao equipo humano detrás deste proxecto, que conta coa asesoría histórica de Miguel Anxo Seixas Seoane, presidente da Fundación Castelao e un dos máis destacados especialistas na biografía, obra e achegas da figura do intelectual.

A dirección artística do proxecto recae en Carlos Seijo, co-fundador do estudio galego Maxina e responsábel das animacións e produción dixital desta proposta. Especialista no deseño de efectos visuais, animación 3D, visualización e experiencias inmersivas, conta con máis de 10 anos de experiencia nos que colaborou co Guggenheim de Bilbao ou Netflix, entre outras, ademais de coa Xunta de Galicia en proxectos como Orixes ou Hábitats, ambos no Gaiás.

No acto de presentación da exposición estiveron presentes ademais a presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez, e o presidente da Real Academia Galega, Henrique Monteagudo, dúas das institucións que contribúen a facer realidade Castelao. Mirar por Galicia, cedendo parte dos seus fondos para incluír neste percorrido que parte de cumprida documentación histórica e patrimonial e centos de arquivos visuais para afondar na figura do intelectual, artista e político de Rianxo. Entre as institucións cedentes de obra atópanse tamén a propia Fundación Castelao, a Filmoteca de Galicia ou o Museo de Pontevedra, entre outras.

A mostra, sinalou o conselleiro, reflicte a vontade do Goberno galego de “promover un maior coñecemento de Castelao no conxunto da cidadanía, botando man das tecnoloxías dixitais para conectar co público, cunha visión transversal, e un gran potencial de encaixe didáctico nos currículos escolares, sen perder nunca de vista o rigor e o respecto a unha figura que representa a todos os galegos e galegas”.

Castelao. Mirar por Galicia incluirá unha experiencia inmersiva con videoproxección cúbica: un resumo do periplo vital e creativo de Castelao, relatado en primeira persoa, que presentará tamén unha selección de obras dotadas de vida mediante técnicas de animación 3D e IA nunha recreación artística do seu espírito creativo.

Ademais, estase a realizar un traballo de recreación da voz do intelectual, da que se conserva un único rexistro sonoro: a mensaxe que gravou en fonopostal na Central de Correos de Bos Aires, co gallo da estrea de Os vellos non deben de namorarse en Montevideo en 1941, conservada no Arquivo Sonoro de Galicia do Consello da Cultura Galega. Segundo explicou o conselleiro, o arquivo “someteuse a un depurado do son para, a continuación, adestrar unha Intelixencia Artificial para reproducir con fidelidade o timbre, entoación e textura da voz”. Isto, combinado co traballo de locutores profesionais, procura reproducir o máis fielmente posíbel textos da súa propia autoría, pertencentes a publicacións como Cousas, Sempre en Galiza, Alba de Gloria ou o Diario 1921.

Ano Castelao

Castelao. Mirar por Galicia é un dos proxectos máis destacados da programación despregada pola Xunta de Galicia en 2025 con motivo da súa declaración como Ano Castelao, coincidindo co 75 aniversario do seu pasamento. A través desta proposta, lembrou López Campos, a Xunta e a Fundación Cidade da Cultura “continúan ademais a afianzar a súa aposta por situar Galicia na vangarda das artes dixitais, nunha liña de traballo na que se encadra tamén a próxima apertura no Gaiás do futuro Centro de Artes Dixitais de Galicia”.

 Barbanza-Arousa | O Barbanza

Noticias Relacionadas