A Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG) fixo público este mércores 25 de marzo o Manifesto Galego do Día Mundial do Teatro, un texto que este ano corre a cargo do recoñecido escritor, profesor e activista ribeirán Carlos Callón (Ribeira, 1978). Desta volta, Callón asina unha peza que conxuga a memoria histórica, a […]
O artigo Carlos Callón reivindica o teatro como “chave decisiva” para a revitalización do galego no Manifesto do Día Mundial do Teatro 2026 publicouse primeiro en O Barbanza. A Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG) fixo público este mércores 25 de marzo o Manifesto Galego do Día Mundial do Teatro, un texto que este ano corre a cargo do recoñecido escritor, profesor e activista ribeirán Carlos Callón (Ribeira, 1978). Desta volta, Callón asina unha peza que conxuga a memoria histórica, a
O artigo Carlos Callón reivindica o teatro como “chave decisiva” para a revitalización do galego no Manifesto do Día Mundial do Teatro 2026 publicouse primeiro en O Barbanza.
A Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG) fixo público este mércores 25 de marzo o Manifesto Galego do Día Mundial do Teatro, un texto que este ano corre a cargo do recoñecido escritor, profesor e activista ribeirán Carlos Callón (Ribeira, 1978). Desta volta, Callón asina unha peza que conxuga a memoria histórica, a denuncia da diglosia e un chamamento á acción para o futuro das artes escénicas en Galicia. O manifesto será lido oficialmente durante a gala dos Premios María Casares, a gran festa do teatro galego, que terá lugar o 8 de abril. O manifesto está xa en libre descarga.

No seu texto, Callón bota a vista atrás para lembrar que a lingua galega “naceu nun verso que non se lía, senón que se representaba”. O autor denuncia os séculos de estigmatización nos que o galego só subía aos palcos madrileños para o escarnio, a través de personaxes ridiculizados que buscaban a gargallada mediante o desprezo ao pobo traballador e emigrante.
“Ensináronnos a degradarnos, a desvalorizarnos, a ternos por menos”, sinala Callón, lembrando as prohibicións explícitas que desde o século XIX tentaron borrar o galego dos escenarios como estratexia para impoñer unha lingua única.
Ante o contexto actual, o autor advirte de que a lingua galega está “de novo en crise”, pero sinala o teatro como o mellor aliado para a súa supervivencia. Callón define as artes escénicas como unha ferramenta fundamental nun mundo saturado polo virtual: “Nun momento en que o tanxíbel pide lugar fronte ao desengano do virtual, o teatro é unha chave decisiva para revitalizarmos a fala nosa”.
Para que esta revitalización sexa efectiva, o manifesto reclama medidas concretas, por exemplo unha rede de exhibición viva, unha educación escénica para toda a cidadanía e orzamentos serios que garantan a estabilidade do sector.
Callón conclúe o seu manifesto cunha mensaxe de apoderamento, definindo as galegas e galegos de hoxe como as “tataranetas e tataranetos” daqueles que pasaron de ser caricatura a ser suxeitos con dereitos e horizonte propio. “Sabemos que ser galegas e galegos é o noso xeito de pertencermos á humanidade”, afirma o autor, pechando o texto con berros de “Viva o Teatro Galego!”.
Carlos Callón
Carlos Callón é escritor, doutor en Filoloxía e profesor no IES San Clemente e na Universidade de Santiago de Compostela. Entre os seus títulos destacan O libro negro da lingua galega (de onde proceden moitos dos datos que se citan no manifesto deste ano), Vidas e historias LGBT da Idade Media, Maxicamente vella, eternamente nova: a literatura tradicional galega e Atravesar o fantasma.
A súa obra foi recoñecida cos premios Vicente Risco de Ciencias Sociais, da Crítica de Investigación e os Careón e Barbantia á traxectoria literaria. Presidiu durante doce anos A Mesa pola Normalización Lingüística, desde onde impulsou campañas en apoio ao teatro galego.
Sobre o Manifesto
Cada ano, a Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG) encarga o Manifesto Galego a unha personalidade de prestixio na cultura do noso país. Esta iniciativa súmase á celebración internacional impulsada polo Instituto Internacional do Teatro (ITI-UNESCO) cada 27 de marzo.
Barbanza-Arousa arquivos – O Barbanza
