Este sábado 21 de marzo o Auditorio Municipal de Rianxo vai acoller a estrea oficial de Coralinda, da compañía Elefante Elegante. Será na Sala Arcos Moldes do Auditorio a partir das 19.00 horas. Trátase dunha peza familiar para crianzas a partir de 3 anos. A entrada é de balde ata completar a capacidade do recinto […] Este sábado 21 de marzo o Auditorio Municipal de Rianxo vai acoller a estrea oficial de Coralinda, da compañía Elefante Elegante. Será na Sala Arcos Moldes do Auditorio a partir das 19.00 horas. Trátase dunha peza familiar para crianzas a partir de 3 anos. A entrada é de balde ata completar a capacidade do recinto

Este sábado 21 de marzo o Auditorio Municipal de Rianxo vai acoller a estrea oficial de Coralinda, da compañía Elefante Elegante. Será na Sala Arcos Moldes do Auditorio a partir das 19.00 horas. Trátase dunha peza familiar para crianzas a partir de 3 anos. A entrada é de balde ata completar a capacidade do recinto (con retirada de convites dende unha hora antes da función).
Trátase dunha comedia xestual dirixida ao público infantil e familiar: unha proposta escénica ao estilo dos debuxos animados que aborda a temática da inmigración e do medo ao diferente desde o humor, a poesía visual e a emoción. A obra convida a reflexionar sobre as experiencias das persoas que viaxan lonxe da súa terra na procura de mellores condicións de vida.
O espectáculo nace dunha colaboración internacional entre a compañía galega Elefante Elegante e a compañía portuguesa Trigo Limpo Teatro Acert, consolidando unha coprodución galego-portuguesa que reforza os vínculos culturais entre ambos territorios.
Sinopse
Nun lugar cincento, vive un señor todo vestido de cincento que manipula unha serie de caixas… cincentas. Un día, chega unha muller. Ven cantando e bailando alegremente. Trae un vestido colorido e unha actitude exuberante que non deixa a ninguén indiferente. Así que ve ao señor, diríxese a el. Pero este, desconfiado ante a expresividade dos xestos dela e o volume da súa música, constrúe un enorme muro que lle impide entrar. Ela tenta dicirlle que as súas intencións son pacíficas, pero o señor amósase indispoñíbel a se comunicar coa visitante. Será que estas dúas persoas tan opostas serán quen de construír un lugar diferente, onde collan moitas máis cores e máis persoas?
O espectáculo aborda a temática da inmigración e do medo ao que é diferente a través dunha linguaxe xestual fundamentada na manipulación de obxectos e na interacción constante co dispositivo escénico, a obra constrúe un universo cómico e poético que transita do realismo á hipérbole da vida cotiá.
O proxecto conta coa subvención da AGADIC – Xunta de Galicia e está coproducido polo Concello de Culleredo e por Trigo Limpo Teatro Acert. Colaboran ademais o Concello de Carral e o Concello de Rianxo.
Barbanza-Arousa | O Barbanza
