O novo Auditorio de Ribeira acolleu esta tarde a II Gala do Turismo Barbanza – Arousa, organizada pola Mancomunidade do Barbanza Arousa co apoio da Xunta e da Deputación para recoñecer o labor do sector turístico da comarca. O obxectivo desta gala é recoñecer o labor e premiar ás empresas e servizos distinguidos no Sistema […] O novo Auditorio de Ribeira acolleu esta tarde a II Gala do Turismo Barbanza – Arousa, organizada pola Mancomunidade do Barbanza Arousa co apoio da Xunta e da Deputación para recoñecer o labor do sector turístico da comarca. O obxectivo desta gala é recoñecer o labor e premiar ás empresas e servizos distinguidos no Sistema
O novo Auditorio de Ribeira acolleu esta tarde a II Gala do Turismo Barbanza – Arousa, organizada pola Mancomunidade do Barbanza Arousa co apoio da Xunta e da Deputación para recoñecer o labor do sector turístico da comarca.
O obxectivo desta gala é recoñecer o labor e premiar ás empresas e servizos distinguidos no Sistema Integral de Calidade Turística en Destino (SICTED). Así, fíxose entrega dos diplomas SICTED ás empresas participantes: un total de 49, das cales 16 empresas e servizos turísticos estrean o distintivo, e 33 renovan nesta anualidade; despois de superar as avaliacións deste selo de calidade no 2024. Entrega na que participaron o director xeral de Turismo da Xunta ,Xosé Merelles o vicepresidente provincial, Xosé Regueira e os alcaldes da comarca.
O obxecto principal da implantación do SICTED é a mellora integral da calidade turística en Barbanza Arousa, apoiando ás empresas e servizos do territorio, outorgándolle as ferramentas necesarias para lograr un destino de calidade e sostible. A implantación deste sistema de calidade no destino está contando cunha moi boa acollida por parte das empresas xa que, en soamente 2 anos de percorrido, o número de empresas distinguidas é de 49 entidades de 18 oficios diferentes.
O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, salientou a aposta que fai o Goberno galego por reforzar a calidade do destino de Galicia a través dun Plan de Calidade e Sustentabilidade, da colaboración co Cluster do Turismo e de axudas a empresas para apoiar e asesoralas na obtención da Q de Calidade Turística e a S de Sustentabilidade. “Pretendemos acompañar o importante crecemento que está a ter o turismo en Galicia, e facelo sempre da man da excelencia”, subliñou.
Na actualidade, a Comunidade galega conta con 18 destinos SICTED, 312 entidades adheridas e 1.104 servizos distinguidos con esta acreditación. Concretamente, en Barbanza Arousa o número de empresas distinguidas é de 49 entidades de 18 oficios diferentes.O programa SICTED busca a mellora integral da calidade turística, apoiando ás empresas e servizos do territorio, outorgándolle as ferramentas necesarias para lograr un destino de calidade e sostible.
A súa filosofía entronca coa estratexia de turismo de Galicia na medida en que axuda a definir un destino auténtico, permite avanzar na desestacionalización da demanda e favorece a consecución de maiores estándares de calidade e sostibilidade.
Pola súa banda o vicepresidente da Deputación, Xosé Regueira, destacou durante a súa intervención a importancia da colaboración público privada, que posibilita “o éxito de proxectos como este de Barbanza – Arousa, de mellora da calidade, competitividade e sustentabilidade turística”.
“A cooperación entre administracións e sector empresarial, o respecto e a lealdade institucional son os ingredientes do éxito deste negocio”, sinalou Regueira. “E falo de negocio porque falamos de actividades económicas, con nomes e apelidos, que xeran un impacto moi positivo na contorna. Por iso hoxe sodes vós, as empresas, as protagonistas”. O vicepresidente fixo referencia, ademais, á necesidade de “falar de futuro” pois, segundo matizou, “estamos nun momento doce na provincia e temos que esforzarnos para mantelo”. Nese sentido, falou de “responsabilidade para facer as cousas ben” e para afrontar retos “como a sustentabilidade, a preservación do planeta, alongar a temporada e acadar rendibilidade”.
Ademais, Regueira expresou o deber de “non perdernos nas macrocifas” e de “buscar un perfil de turista que valore e coide todo o que esta terra ofrece”, apostando por unha estratexia que “nos fai máis competitivos e que xera oportunidades para a poboación local”. O vicepresidente rematou parabenizando a todas as empresas premiadas, e dándolle as grazas “por apostar polo turismo, polo territorio, e pola súa conservación”.
Pola súa banda, o delegado do Goberno en Galicia, Pedro Branco, puxo en valor o papel da comarca do Barbanza como un destino turístico “sustentábel, moderno e respectuoso” a través do traballo que desenvolve na comarca o Goberno de España. Destacou tamén o importante traballo das pemes, “o mellor aliado do Goberno de España para vertebrar o país”, para a dinamización do turismo barbanzán. “O Goberno sabe da importancia da colaboración público-privada no avance conxunto da nosa economía e sociedade, e o proxecto SICTED é o mellor exemplo do apoio ás pemes do sector turístico”, apuntou. O delegado apelou tamén aos obxectivos compartidos que a industria turística e o Goberno teñen, como a desestacionalización ou o impacto económico sustentábel e responsábel coa natureza, “algo que lograremos todos xuntos, empresas e institucións”. Así mesmo, aproveitou para dar as grazas á Mancomunidade Barbanza-Arousa, así como aos concellos que a integran, por compartir a visión do Goberno e ser un aliado fiel. O delegado indicou que o impacto do Goberno no turismo galego deixase ver cos máis de 212 millóns de euros investidos.
Barbanza-Arousa | O Barbanza