Homenaxe a Valle-Inclán en Santiago de Compostela

Nova homenaxe a Valle-Inclán a carón da súa escultura na Alameda de Santiago, coa participación do museo pobrense que leva o seu nome Como cada 7 de marzo desde o ano 2007, a Fundación Eugenio Granell de Santiago, en colaboración co Museo Valle-Inclán da Pobra do Caramiñal e o Foro Galicia e Valle-Inclán, organiza un […] Nova homenaxe a Valle-Inclán a carón da súa escultura na Alameda de Santiago, coa participación do museo pobrense que leva o seu nome Como cada 7 de marzo desde o ano 2007, a Fundación Eugenio Granell de Santiago, en colaboración co Museo Valle-Inclán da Pobra do Caramiñal e o Foro Galicia e Valle-Inclán, organiza un  

Como cada 7 de marzo desde o ano 2007, a Fundación Eugenio Granell de Santiago, en colaboración co Museo Valle-Inclán da Pobra do Caramiñal e o Foro Galicia e Valle-Inclán, organiza un acto de homenaxe ao ilustre escritor. Distintas personalidades da política e da cultura reuníronse na capital galega para lembrar a figura do autor máis internacional de Galicia, impoñéndolle simbolicamente a bufanda bermella e lendo públicamente fragmentos das súa obra, onde exalta Compostela como a “Rosa mística de pedra”.

Esta cita, que se mantén ininterrompidamente desde hai 18 anos, fortalece os lazos entre as entidades museísticas de Santiago e A Pobra do Caramiñal, lugares con gran significación biográfica e creativa para Valle-Inclán. Alfonso Daniel R. Castelao xa cualificaba a este escritor como o mellor artista de Galicia.

A data do acto non é casual, pois marca a efeméride da última visita de Valle-Inclán a Galicia. O 7 de marzo de 1935 chegaba en ferrocarril á estación de Cornes, onde foi recibido por un grupo de xoves simpatizantes e vellas amizades. Alí comezou a súa derradeira estadía en Santiago, instalándose no Hotel Compostela antes de ser ingresado no sanatorio do doutor Villar Iglesias, onde o agravamento da súa doenza levaría ao seu falecemento o 5 de xaneiro de 1936. Foi soterrado no cemiterio de Boisaca baixo unha lousa rústica traídade dende O Barbanza.

Nos meses previos ao seu falecemento, e antes do empeoramento da súa enfermidade, Valle-Inclán percorreu varias localidades galegas como Vigo, Ferrol, Ourense, Betanzos, Sada e A Pobra do Caramiñal, acompañado de amigos como os doutores Devesa e Arguindey, Tanis de la Riva, Isidoro Peña e outros. Durante ese tempo, aínda activo e popular, paseaba polas rúas de Santiago, frecuentaba cafés como El Español e o Casino, e escribía dende a súa cama do sanatorio ata os últimos momentos da súa vida.

Esta homenaxe anual en Santiago de Compostela serve para lembrar a pegada imborrable dun xenio que converteu Galicia en escenario literario de epopeas, mitos e traxedias, e que aínda hoxe segue a inspirar admiración.

 Barbanza-Arousa | O Barbanza

Noticias Relacionadas