Este verán seguimos adiante coas nosas entrevistas cos alcaldes do Barbanza para que nos fagan balance dos dous anos que levamos de lexislatura. Desta volta puidemos falar con José Ramón Romero, alcalde de Boiro, que repasa o traballo do Concello en materia de emprego, vivenda, cultura, deporte e economía. -Estanse a cumprir os dous anos […] Este verán seguimos adiante coas nosas entrevistas cos alcaldes do Barbanza para que nos fagan balance dos dous anos que levamos de lexislatura. Desta volta puidemos falar con José Ramón Romero, alcalde de Boiro, que repasa o traballo do Concello en materia de emprego, vivenda, cultura, deporte e economía. -Estanse a cumprir os dous anos
Este verán seguimos adiante coas nosas entrevistas cos alcaldes do Barbanza para que nos fagan balance dos dous anos que levamos de lexislatura. Desta volta puidemos falar con José Ramón Romero, alcalde de Boiro, que repasa o traballo do Concello en materia de emprego, vivenda, cultura, deporte e economía.

-Estanse a cumprir os dous anos de lexislatura e en O Barbanza queremos facer un balance da situación no Concello de Boiro. Cales serían os principais logros?
-Foron dous anos de creación de emprego, de calidade de vida e de benestar. Hai un par de semanas puidemos saber que estamos no top 10 de concellos de toda España de máis de 10.000 habitantes onde máis se creou emprego. É un traballo que comezamos en 2019, impulsando un centro de formación e un viveiro de empresas que estaban parados e que a partir desa data fomos poñendo en marcha e agora xa están dando os seus froitos. Ademais, creo que estamos a mellorar a calidade de vida dos veciños, poñendo a punto os servizos, e a xente está recoñecendo que Boiro é unha localidade cómoda para vivir, coa calidade de vida dunha vila pequena pero cos servizos dunha cidade grande.
Vou compartir un exemplo de cara a onde imos ou queremos ir: o proxecto EnClave, cuxos resultados presentamos esta semana e no que estamos investindo máis de 50.000 euros. Trátase dun proxecto educativo, aínda que non temos competencias en educación, que puxemos en marcha porque había un baleiro en materia de convivencia, benestar e saúde mental nos colexios. Inclúe traballo de psicólogos para axudar aos rapaces na súa integración e na súa autonomía.
Ademais, imos presentar o plan parcial de contratación do proxecto de urbanización. O plan parcial quedou parado en 2013 e cando chegamos en 2019 comezamos a traballar nel, porque nos parecía que non podía ser que unha iniciativa tan importante de urbanización en Boiro quedase parada. A día de hoxe xa están escrituradas as parcelas e temos todo listo e o que queremos facer estes meses é encargar o proxecto de urbanización. Nun espazo de 140.000 metros cadrados, xusto detrás da Cachada, crearanse 902 vivendas, das cales 188 son de protección e o resto vivenda libre. Creo que non hai ningún concello en Galicia poida ofertar este volume de vivenda.
-Quen plans ten o Concello en infraestruturas e servizos?
-Estamos centrados en boa medida no aumento do solo industrial, e todo vai da man disto. É fundamental para o crecemento das empresas que xa están aquí e para facilitar que se asenten novas firmas, e pódovos adiantar que hai moitas que queren vir. Xa non só industrias, senón tamén pequenos comercios. O ano pasado creáronse en Boiro 93 empresas deste sector. En materia de infraestruturas, os eixes principais son o aumento da vivenda, do solo industrial e a consecución da residencia. Nesta cuestión da residencia levamos traballando dende 2019, se ben non é unha iniciativa que dependa de nós, depende da Xunta, que é quen posúe as competencias. Temos o sitio ideal, na Cachada, a 100 metros do paseo marítimo e a 300 do centro urbano. É un lugar soleado dende a mañá ata a noite, cun parque infantil, con áreas de lecer e boas comunicacións.
Ademais, queremos pasar a barreira dos 20.000 habitantes. Isto permitiranos aumentar os recursos. No momento en que pasas esta liña, os investimentos da Xunta e do Estado increméntanse moito. Seguimos aumentando poboación, pero pouco a pouco. En realidade si que pasamos dos 20.000, pero non temos 20.000 empadroados. Calculamos que andamos sobre os 22.000 habitantes durante todo o ano. Temos moitas persoas que traballan nas grandes industriais de Boiro que viven toda a semana na nosa localidade e logo marchan ás súas vivendas as fins de semana noutros concellos. Moita xente non está empadroada por comodidade.
Teño que destacar tamén a construción da vía de Verres, a conexión da DP-1106 coa DP-1107, o enlace da estrada que vai de Boiro a Cabo de Cruz coa que vai de Boiro a Abanqueiro. Temos o proxecto listo e estamos preparando o expediente de expropiación dos terreos. É unha vía de 950 metros que é unha circunvalación e que permitirá aliviar ao centro urbano de Boiro do tráfico pesado que vén de Cabo de Cruz e das súas proximidades.
-Que iniciativas impulsa o Concello para o pequeno comercio?
-Para nós é moi importante, o comercio e a industria. Estamos a converternos no centro comercial do Barbanza pouco a pouco, traballando da man da patronal local, a ABE. Ademais, centramos moitos esforzos no sector forestal para tirar rendemento da serra do Barbanza, que ten moito potencial pero á que non lle emprestamos a atención que merece. Estamos moi envorcados no mar, pero a pesca e o marisqueo están como están. Xa o dicían os nosos maiores: cómpre non poñer os ovos na mesma cesta. De aí que tentemos diversificar a actividade profesional e económica co forestal. Levamos ano impulsando un obradoiro de emprego especializado neste ámbito. Isto permitiu xa a creación de cooperativas locais no viveiro de empresas da man de rapaces que estiveron formándose con nós e que se animaron a crear as súas empresas. Estamos achegando formación a entre 300 e 400 rapaces ao ano. No tocante a cifras, movemos uns 2 millóns de euros en formación. A cuestión forestal non só é plantación, é tamén construción, carpintaría, deseño, mobiliario, equipamentos.
-Que fai o Concello para botar unha man á mocidade?
-Temos o centro de formación e o viveiro de empresas. Estamos axudando á creación de negocios, non só dando o sitio físico, senón tamén subministrando asesoramento e capacitación. No ámbito cultural, cando entramos en Boiro alá no 2019 a cuestión cultural estaba desaparecida de Boiro, non tanto a deportiva. Hoxe ves a axenda cultural de Boiro e ves algo impresionante. A guinda do pastel será este ano cando comecemos as obras de ampliación e rehabilitación da Casa da Cultura. É unha obra do ano 1987 que no seu día foi pioneira a nivel do Barbanza. O grupo de Goberno daquel entón foi moi visionario creando ese espazo, de 287 butacas e cun escenario moderno que cumpriu con credes a súa finalidade, pero xa pasaron preto de 40 anos. Xa non é só que a Casa da Cultura sexa pequena, é que estamos limitados polo escenario e non podemos traer moitas actuacións e o edificio xa non é funcional. Con esta nova obra de case 4 millóns de euros teremos unha edificación cen por cen adaptada aos novos tempos, e imos ter unha infraestrutura para os vindeiros 400 anos. Pasaremos a 535 butacas. Terá capacidade e dispoñibilidade para albergar calquera tipo de espectáculo.
No plano deportivo aumentamos as contías aos clubs nun 30% nos últimos anos e traballamos todos os días na mellora das infraestruturas deportivas, que estaban moi abandonadas. A Piscina Municipal, na que investimos máis dun millón de euros, estaba caendo literalmente a pedazos.
Nuns meses imos comezar coa transformación do Campo da Mina con herba artificial.
-Falemos de turismo e de iniciativas para atraer visitantes.
-Estamos traballando os catro concellos co mesmo obxectivo. Apostamos moito dende o Concello de Boiro polo turismo náutico. Somos, xunto con Sanxenxo, o único concello galego que temos dous portos náuticos e acabamos de dar dúas subvencións nominativas a cada náutico con fondos propios de 120.000 euros para a mellora das instalacións, porque imos apostar forte por este tipo de turismo. E sen esquecernos do Camiño de Santiago polos catro concellos da Mancomunidade, o Camiño A Orixe. Imos traballar tamén por desestacionalizar o turismo. Non podemos depender só do verán e das praias. O deporte permítenos traballar neste punto, por iso apostamos firme polo deporte, que non só garante valores e calidade de vida para a rapazada, senón que tamén asegura a afluencia de visitantes. Igual que a cultura.
-Como valora a relación do Concello coas outras administracións?
-Co Goberno central moi ben. Temos un PIREP dun millón e medio que nos deron para a reforma da Casa da Cultura, e un Next Generation para a posta a punto da Praza de Abastos. Polo que se refire á Deputación, é a que nos salva. A nós e a todos os concellos da provincia. A Xunta vainos dando migallas. Fastídiame dicilo, pero o Concello de Boiro está esquecido pola Xunta. Os que non somos da cor política, como Boiro, Ribeira ou Rianxo, non recibimos o que tiñamos que recibir. Pola contra, os municipios da cor política afín están nunha situación ben distinta. Eu querería dicir que estou contento coa Xunta, pero non estou contento. Hai algunhas consellerías que dan moi bo trato e nos reciben moi ben pero hai outras que fatal. Eu levo seis anos agardando por unha entrevista coa conselleira de Política Social. Seis anos. A última vez que chamamos dixéronnos que hai que comprender que Galicia ten 313 concellos. Vale, pois acaba de haber unha moción de censura en Outes e a conselleira xa estivo en Outes.
-Que significa para vostede ser alcalde de Boiro e como lle gustaría ser lembrado?
-Entrei en política porque me gusta o meu pobo e quero que Boiro medre e teña calidade de vida. Desexaría que me recorden por ter mellorado o día a día das veciñas e os veciños, e pola nosa aposta polo emprego e a creación de empresas. Un pobo onde hai traballo é un pobo vivo. Hai que apostar pola industria e polo impulso laboral. Isto garante a calidade de vida da xente. Estaría ben ser lembrando por ter conseguido un Boiro vivo, ordenado, saudable e agradable para vivir.
-Cales cre que son os motivos polos que habería que vivir e traballar en Boiro?
-Boiro está de moda e está de moda porque hai vivenda, hai postos de traballo, hai calidade de vida e hai cultura. Repito o que dixen antes: aquí se respira o aire dunha vila pequena, dun pobo, pero cos servizos dunha cidade grande.
Barbanza-Arousa | O Barbanza