J.C. Este sábado 28 de xuño larga amarras desde os peiraos do Club Náutico Deportivo de Ribeira unha nova edición da Regata Ramiro Carregal Rey, o Gran Trofeo Faro de Corrubedo que alcanza se cita número 25. Cunha trintena de veleiros rexistrados, o destino da frota nesta primeira xornada será a ría de Muros e […] J.C. Este sábado 28 de xuño larga amarras desde os peiraos do Club Náutico Deportivo de Ribeira unha nova edición da Regata Ramiro Carregal Rey, o Gran Trofeo Faro de Corrubedo que alcanza se cita número 25. Cunha trintena de veleiros rexistrados, o destino da frota nesta primeira xornada será a ría de Muros e
J.C. Este sábado 28 de xuño larga amarras desde os peiraos do Club Náutico Deportivo de Ribeira unha nova edición da Regata Ramiro Carregal Rey, o Gran Trofeo Faro de Corrubedo que alcanza se cita número 25. Cunha trintena de veleiros rexistrados, o destino da frota nesta primeira xornada será a ría de Muros e Noia, tras percorrer 22 millas náuticas – algo máis de 35 km – nun trazado marítimo cheo de beleza paisaxística pero tamén coa precaución de non baixar a garda en ningún momento debido aos baixos rochosos da zona.

O rumbo máis curto será o de adentrarse polos pasos do Carreiro ou o de Sagres, ambos coa dificultade que entrañan as pedras que os defenden celosamente, co hándicap da ondada que as mesmas formacións poden chegar a montar, se a mar estivese cargada. No caso de que esta opción non sexa válida, pola seguridade dos regatistas, o comité de regatas da Ramiro Carregal Rey indicaría o contorneo á illa de Sálvora, navegando polo seu exterior e buscando un rumbo máis aberto, onde as ondas sexan moito máis negociábeis para os veleiros.
Os baixos de Basoñas e a pedra de Filgueira serán outras das prioridades para salvar polos responsábeis da navegación a bordo, debendo estar moi atentos á súa localización nas cartas mariñas ou na electrónica dos veleiros.
Unha vez adentrados no interior da ria de Muros-Noia, a navegación xa será máis tranquila, un momento estratéxico para exporse unha boa táctica e chegar co velame coma unha bala, se a intensidade do vento o permite, ata as inmediacións da bocana de entrada ao porto deportivo do Real Club Náutico Portosín, onde estará situada a chegada.
O Real Club Náutico Portosín organizou unha loxística de desprazamentos por estrada para levar aos regatistas dun porto a outro, tanto nas horas previas á saída, como despois da chegada.
A saída está prevista ás 12.00 do mediodía, desde a ría de Arousa, cunha previsión de vento que rolará de norte a noroeste, con intensidades máis ben frouxas, entre os 6 e os 7 nós, o que obrigará a facer un maior número de bordos, cos veleiros navegando en cinguida.
O domingo, e tamén con saída ás 12.00 horas, os tramos serán máis técnicos, celebrando dúas mangas polo interior da Rra de Muros e Noia, nas inmediacións do Real Club Náutico Portosín, do tipo barlovento-sotavento, un percorrido entre boias que porá en xogo a destreza das tripulacións nas súas manobras e que o comité da regata está a barallar a súa lonxitude que poderá oscilar entre as 6 e as 8 millas, dependendo do vento reinante na ría.
O Real Club Náutico Portosín presenta unha excelente frota de veleiros que tratarán de facerse co Gran Trofeo Faro de Corrubedo, tendo representantes nas tres divisións naturais como son Regata, Cruceiro/Regata e Cruceiro, con nomes como o Siradella, Bacor, Escora, O Montaraz, Acherón, Monterrei, Dracco ou Tuspi II, entre outros, e que llas terán que ver con embaixadores de gran nivel como o novo Corsario Thunder, o TP52 do Club de Iates de Vilagarcía; o Cámping Ría de Arousa, do Club Náutico Arousa Norte; o Ziralla Primeiro, do Real Club Náutico de Sanxenxo; o Piko Norte, do Club Náutico de Boiro; o Exit Manitú, do Liceo Marítimo de Bouzas; o Youkounkoun, do Club Náutico de Portonovo, ou un dos grandes vencedores da recente FRINSA, o Peperetes-Nortemar, do Real Club de Regatas de Galicia, entre outros.
Os vencedores da edición de 2024 foron o Siradella, en Regata; o Orión, en Cruceiro/Regata; e o Cámping Ría de Arousa, en Cruceiro.
Barbanza-Arousa | O Barbanza