O BNG rexistrou unha iniciativa no Parlamento galego para solicitar explicacións á Xunta sobre a paralización das obras de humanización da estrada AC-305 ao seu paso pola parroquia de Palmeira, no concello de Ribeira. Lembran que a actuación iniciada en marzo de 2025 pola Consellaría de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, cun investimento de arredor […] O BNG rexistrou unha iniciativa no Parlamento galego para solicitar explicacións á Xunta sobre a paralización das obras de humanización da estrada AC-305 ao seu paso pola parroquia de Palmeira, no concello de Ribeira. Lembran que a actuación iniciada en marzo de 2025 pola Consellaría de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, cun investimento de arredor

O BNG rexistrou unha iniciativa no Parlamento galego para solicitar explicacións á Xunta sobre a paralización das obras de humanización da estrada AC-305 ao seu paso pola parroquia de Palmeira, no concello de Ribeira. Lembran que a actuación iniciada en marzo de 2025 pola Consellaría de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, cun investimento de arredor de 3 millóns de euros e realizada en colaboración coa Fundación RIA, “leva un tempo paralizada sen que se coñezan os motivos reais, algo que ocasiona molestias e malestar na veciñanza que se despraza pola parroquia ou vai a Ribeira e á Pobra do Caramiñal”.
Segundo o proxecto a transformación desta travesía urbana, mediante a ampliación das beirarrúas, creación de novas zonas verdes, renovación de servizos e a mellora da seguridade viaria ao longo dun tramo de máis dun quilómetro, debería finalizar antes do verán de 2026.
“Porén”, sinalan dende o BNG, “un ano despois do inicio das obras, a actuación atópase paralizada por existir un problema puntual, segundo declaracións da propia Consellería aos medios de comunicación”.
A deputada do BNG Rosana Pérez, que presenta a iniciativa, considerou necesario que a Xunta dea explicacións claras sobre esta situación. “Estamos a falar dunha actuación importante para a parroquia de Palmeira e para a mobilidade entre Ribeira e A Pobra do Caramiñal, polo que resulta imprescindíbel coñecer cales son os motivos reais da paralización das obras e se esta circunstancia vai afectar ao prazo previsto para a súa finalización”, sinalou.
Pérez subliñou que se debe procurar que esta intervención garanta unha mellora significativa do espazo público e da seguridade viaria e vaia na liña “dun modelo de vila centrada nas persoas, máis accesible e con máis zonas verdes”.
Veciñas e veciños de Palmeira, así como persoas que empregan esta estrada, puxéronse en contacto coa concelleira Veva Betanzos e o portavoz do BNG Luís Pérez Barral para queixarse pola paralización dos traballos que están a provocar malestar xa que durante meses as obras implicaron a redución da circulación a un único carril regulado por semáforos e, malia que os traballos están parados, as restricións de tráfico seguen aplicándose.
O portavoz do BNG en Ribeira, Luís Pérez Barral, advertiu de que “a situación actual está a xerar un importante malestar entre a veciñanza e entre as persoas que utilizan diariamente esta vía, algo que é comprensible e por iso deben continuar as obras e finalizalas en tempo e forma”.
Barral reclamou á Xunta que actúe con responsabilidade e desbloquee a situación. “A Consellaría non pode limitarse a falar dun problema puntual sen dar explicacións. Ten que aclarar que está a pasar, resolver os problemas existentes e axilizar o desenvolvemento das obras para minimizar as molestias á veciñanza”, afirmou.
O ex-alcalde tamén insistiu en que “é fundamental que a Xunta garanta que esta actuación, tan necesaria para Palmeira, se complete no prazo previsto e non se converta nunha obra eternizada”.
Coa iniciativa presentada no Parlamento, o BNG busca “que a Consellaría de Vivenda e Planificación de Infraestruturas explique os motivos da paralización das obras e aclare se esta situación pode afectar ao calendario previsto para o seu remate antes do verán de 2026”.
Barbanza-Arousa | O Barbanza
