O CCG e a Fundación Camilo José Cela poñen na Rede parte do epistolario galego recibido polo autor

O Consello da Cultura Galega (CCG) e a Fundación Camilo José Cela veñen de dar un paso conxunto e definitivo para compartir boa parte do epistolario galego recibo polo autor de Iria Flavia (Padrón). Son 231 cartas recibidas polo premio Nobel, Camilo José Cela, con boa parte dos autores máis significados da cultura do país […] O Consello da Cultura Galega (CCG) e a Fundación Camilo José Cela veñen de dar un paso conxunto e definitivo para compartir boa parte do epistolario galego recibo polo autor de Iria Flavia (Padrón). Son 231 cartas recibidas polo premio Nobel, Camilo José Cela, con boa parte dos autores máis significados da cultura do país  

O Consello da Cultura Galega (CCG) e a Fundación Camilo José Cela veñen de dar un paso conxunto e definitivo para compartir boa parte do epistolario galego recibo polo autor de Iria Flavia (Padrón). Son 231 cartas recibidas polo premio Nobel, Camilo José Cela, con boa parte dos autores máis significados da cultura do país na segunda metade do século XX. A dixitalización e posta a disposición pública do fondo destas cartas presentouse este martes 11 de marzo na sede da Fundación Pública Camilo José Cela.

A presidenta do Consello da Cultura Galega (CCG), Rosario Álvarez, salientou a “ampla e tupida rede de relacións de diverso tipo que mantivo coa sociedade galega, tanto no tecido da intelectualidade galeguista e académica en sentido máis amplo, coma noutros ámbitos”.

Pola súa banda, o director xeral de Cultura da Xunta de Galicia, Anxo Lorenzo, destacou que este arquivo agora compartido permitirá “coñecer máis de cerca o sentimento de galeguidade do Premio Nobel”.

Pola súa parte, Covadonga Rodríguez, directora-xerente da fundación que custodia o legado do autor, lembrou que se trata dunha primeira fase do inxente fondo epistolar que se conserva.

As cartas xa están dispoñibles para consulta desde o sitio web do CCG.

Nesta primeira fase póñense a disposición da cidadanía 231 epístolas procedentes dunha trintena de autores. Destacan as abondosas cartas con Celso Emilio Ferreiro, embaixador da revista Papeles de Son Armadáns en Galicia; con Isaac Díaz Pardo; coa Fundación Rosalía de Castro, así como as relacionadas coa tradución ao galego de La familia de Pascual Duarte entre as que se inclúe o manuscrito do prólogo de Otero Pedrayo e as misivas sobre a tradución que realizou Vicente Risco; ou as cartas co seu gran amigo, o escritor, xornalista e guionista, Mariano Rodríguez Tudela.

As entidades sinalaron que aínda queda moito epistolario por desvelar neste espazo web que irá medrando coa colaboración das distintas entidades, autores, intelectuais e artistas galegos cos que Cela mantivo relación e que permite coñecer máis de preto o sentimento de galeguidade que acompañou ao premio Nobel ao longo da súa vida e obra.

Anxo Lorenzo destacou a importancia desta iniciativa “para poñer en valor outras facetas do escritor máis alá da súa obra literaria e achegarnos á súa figura a través do contacto que mantivo cos persoeiros da intelectualidade galega do momento”. Deste xeito, engadiu, “teño o convencemento de que será un portal de referencia para coñecer máis de cerca o sentimento de galeguidade do Premio Nobel”.

“A súa obra zumega Galicia. En primeiro lugar, coas súas novelas ambientadas na terra galega; en segundo lugar, cos milleiros de personaxes galegos que aparecen nas súas obras e, en terceiro lugar, coas súas excepcionais obras de bibliófilo de afamados ilustradores e pintores galegos” asegura Covadonga Rodríguez no artigo contextualizador que se inclúe co epistolario.

A presentación deste espazo é froito dun protocolo de colaboración que o CCG e a Consellería de Cultura asinaron en 2018 para a dixitalización do fondo epistolar do escritor padronés relativo á súa correspondencia con intelectuais galegos.

 Barbanza-Arousa | O Barbanza

Noticias Relacionadas