O Concello de Ribeira inaugurou este domingo 26 de xaneiro, cun gran festexo paticipativo, as novas e modernas instalacións do Centro Social de Carreira, un espazo deseñado para satisfacer as necesidades sociais e culturais da veciñanza desta parroquia. No acto de apertura, celebrado no propio Centro Social participou a veciñanza de Carreira, a deputada Mar […] O Concello de Ribeira inaugurou este domingo 26 de xaneiro, cun gran festexo paticipativo, as novas e modernas instalacións do Centro Social de Carreira, un espazo deseñado para satisfacer as necesidades sociais e culturais da veciñanza desta parroquia. No acto de apertura, celebrado no propio Centro Social participou a veciñanza de Carreira, a deputada Mar

O Concello de Ribeira inaugurou este domingo 26 de xaneiro, cun gran festexo paticipativo, as novas e modernas instalacións do Centro Social de Carreira, un espazo deseñado para satisfacer as necesidades sociais e culturais da veciñanza desta parroquia. No acto de apertura, celebrado no propio Centro Social participou a veciñanza de Carreira, a deputada Mar García, a presidenta da Asociación de Veciños de Carreira, Marivén Sampedro, o alcalde Luís Pérez Barral e os concelleiros Veva Betanzos, Antía Alberte, Vicente Mariño, Cruz Rivadulla, Fernando Abraldes e Francisco Suárez-Puerta, entre outras/os representantes políticos, sociais e veciñais.
O alcalde de Ribeira, Luís Pérez Barral, destacou a importancia desta apertura para a comunidade: “A veciñanza levaba moito tempo agardando, máis de 13 anos, por este centro social, un proxecto necesario que por fin vai ser unha realidade. Este espazo está pensado para ofrecer un servizo esencial á poboación de Carreira, favorecendo a convivencia veciñal e converténdose nun punto de referencia para a promoción cultural. Estou seguro de que será un lugar cheo de vida, onde se reforcen os lazos sociais e se potencien as iniciativas culturais”. O rexedor agradeceu “a implicación dos obradoiros de
emprego Vionta e Tahume, encargados de comezar esta infraestrutura, así como á Deputación pola súa contribución económica”.
Pérez Barral tamén destacou que o novo centro social ocupará un lugar central na vida comunitaria con espazos para actividades sociais, culturais e
recreativas. “Vai atender as necesidades de todas as xeracións: desde as nenas e nenos que desfrutarán do parque cuberto, até as persoas
maiores que atoparán aquí un lugar acolledor”, sinalou.
Nunhas dependencias ateigadas de veciños e veciñas da parroquia, descubriuse a placa conmemorativa ao son do grupo Airiños da Guía, para despois dar paso ás Pandereteiras de Carreira que introduciron os discursos das autoridades presentes.
Marivén Sampedro presidenta da Asociación de Veciños de Carreira mostrou a satisfacción en nome da veciñanza por inaugurar este centro
social tan demandado e ofreceu a colaboración da asociación para poder desenvolver a actividade cultural da parroquia.

O novo centro contou cun investimento de máis de 213.000 euros da Deputación da Coruña.
Como dixemos, na cita tamén fixo acto de presenza a deputada de Política Social da Deputación da Coruña, Mar García Vidal, No seu discurso, destacou a longa espera para a finalización do proxecto, que levou 13 anos en facerse realidade. “Unha espera demasiado longa, pero que pagou a pena porque Carreira conta por fin cun espazo á altura das súas necesidades”, apuntou Mar García.
O novo centro social acollerá proximamente a súa primeira actividade: unha exposición de fotografías antigas de Carreira, organizada pola Asociación de Veciños da parroquia, que permitirá facer un percorrido pola memoria histórica do lugar. A deputada salientou o valor desta iniciativa como “un exemplo do potencial das comunidades veciñais para manter viva a memoria e construír o futuro”.
Durante a súa intervención, García Vidal reafirmou a disposición da Deputación da Coruña a continuar colaborando co Concello de Ribeira e coa asociación de veciños para dotar o centro de programacións culturais, sociais e deportivas. “Queremos traballar man a man coas asociacións locais para que estas instalacións se enchan de vida e actividade”, asegurou.

A deputada tamén destacou o compromiso da Deputación co desenvolvemento do municipio de Ribeira, onde nos últimos oito anos se investiron 22,7 millóns de euros en máis de 100 proxectos. “Estes fondos permitiron financiar obras nas nove parroquias do concello, así como servizos como a teleasistencia para maiores, o conservatorio de música ou o acondicionamento do Auditorio de Ribeira”, sinalou.
Por último, Mar García Vidal felicitou ao Concello de Ribeira e á veciñanza de Carreira polo seu esforzo e dedicación para facer realidade este proxecto, animando a toda a comunidade a “converter o centro nun espazo vivo e participativo para toda a veciñanza”.
Barbanza-Arousa | O Barbanza