A comarca do Barbanza converterase nun dos epicentros da palabra viva grazas á nova edición do Festival Atlántica, que levará sete espectáculos gratuítos de narración oral a Outes, A Pobra do Caramiñal e Ribeira entre o 28 de xuño e o 11 de xullo. A programación, pensada maioritariamente para público adulto, combina tradición, música, memoria […] A comarca do Barbanza converterase nun dos epicentros da palabra viva grazas á nova edición do Festival Atlántica, que levará sete espectáculos gratuítos de narración oral a Outes, A Pobra do Caramiñal e Ribeira entre o 28 de xuño e o 11 de xullo. A programación, pensada maioritariamente para público adulto, combina tradición, música, memoria
A comarca do Barbanza converterase nun dos epicentros da palabra viva grazas á nova edición do Festival Atlántica, que levará sete espectáculos gratuítos de narración oral a Outes, A Pobra do Caramiñal e Ribeira entre o 28 de xuño e o 11 de xullo. A programación, pensada maioritariamente para público adulto, combina tradición, música, memoria e humor, con voces chegadas de Galicia, Portugal, Aragón e Canarias. “Con estas propostas, o Festival Atlántica consolídase como unha cita imprescindíbel no Barbanza co poder da oralidade, celebrando a diversidade de voces e o vínculo co territorio a través das historias”, sinalan dende a organización

Outes: historias entre mares e lavadoiros
A programación comezará o sábado 28 de xuño ás 20.30 h no Espazo Museístico da Carpintaría de Ribeira en Broña con Meu mar, un espectáculo de narración oral no que se atopan dúas beiras e dúas voces: a canaria Laura Escuela e o galego Caxoto. Xuntas emprenden unha travesía poética e emocional na que o mar deixa de ser só escenario para se converter en memoria, ponte e espello. Entre contos, salitre e vento, os dous narradores tecen relatos que flúen coma as mareas, cruzando fronteiras e celebrando a oralidade como territorio común. Meu mar é unha homenaxe á identidade compartida e á forza das historias contadas dende a raíz, pero sempre dispostas ao encontro.

O venres 11 de xullo, tamén ás 20.30 h, a Terraza do Náutico no Freixo acollerá Lavandeiras, unha proposta chea de poesía e música de Vero Rilo e Santi Cribeiro (Galicia), que revisita as historias e cantos das mulleres que lavaban nos regatos. Unha emotiva viaxe polas historias de mulleres e a súa relación co traballo, a memoria e a identidade. Mulleres que de xeonllos, coas mans na auga e os pensamentos a ferver, lavaban roupa… e tamén feridas. En Lavandeiras, Rilo e Cribeiro poñen voz e música a esas historias silenciadas que fluíron polos regatos e polos tempos. Un ritual escénico para cantar o que se calou e para tender, ao sol da xustiza poética, as historias de mulleres que lavaron máis que roupa.

A Pobra do Caramiñal: tradición e memoria en espazos únicos
A actividade comezará o xoves 3 de xullo ás 21.00 h no Cine Elma con Artiloxios, do artista aragonés Oswaldo Pai, unha combinación de contacontos, poesía e dispositivos robóticos para público infantil (+8 anos) e adultos. Oswaldo Pai trae ao Festival Atlántica un espectáculo para todos os públicos que transforma a poesía nun xogo sensorial cheo de inventiva e humor. Artiloxios é unha festa de versos e artefactos: máquinas caseiras e marabillosas que fan soar os poemas, acenden a imaxinación e fan rir.
Entre engrenaxes e palabras aparecen o grafitófono, o susurrófono ou o ascensor ascensonórico, dispositivos únicos que acompañan a lectura de textos de autores como Gloria Fuertes, Lorca, Maria Elena Walsh ou Gerardo Diego, entre outros. Un espectáculo lúdico e sorprendente que esperta a curiosidade e celebra a poesía como unha experiencia viva, chea de ritmo, misterio e inventos imposibles.

O venres 4 de xullo, tamén ás 21.00 h, os Xardíns do Pazo do Couto serán o escenario de Vicio houbo sempre, da actriz e narradora. A narradora dá voz ás mulleres que viviron —e gozaron— fóra do relato oficial. A partir de conversas con maiores de máis de 85 anos, constrúe un espectáculo íntimo e poderoso no que o pracer, a sexualidade e a liberdade se contan sen vergoña e con moito humor. A frase que abre o espectáculo, Vicio houbo sempre, grazas a Dios!, marca o ton dunha proposta que rompe silencios e recupera historias de vida contadas dende as marxes, sen censura nin moralismos. Un exercicio de memoria feminista que reivindica os corpos, os desexos e a forza das palabras que non cadraban co que se esperaba delas. Porque tamén hai revolución en falar de sexo despois dos oitenta.
O ciclo na Pobra pecharase o sábado 5 de xullo ás 21.00 h no Castro de Posmarcos cunha sesión moi especial: Novas historias de filandar de José Luis Gutiérrez ‘Don Guti’ (Zamora), un tributo ás voces anónimas do rural zamorano. ‘Don Guti’ regresa ao universo das súas vellas sabias cun novo xiro narrativo. Novas historias de filandar mergúllase na memoria das mulleres que cosían, mataban porco, enchían chourizos ou contaban contos ao carón do lume, para construír un espectáculo cheo de retranca, irreverencia e verdade.
Nesta nova e esperada entrega, o narrador dálle voz ao seu alter ego máis canalla, tabernario e provocador, e lánzase a contar —sen filtros— esas historias de antes que aínda nos revolven por dentro e nos fan morrer de risa. Un festín oral que convida a escoitar coma se fósemos de novo cativos á beira da cociña, coa pota ao lume e unha xerra de viño enriba da mesa. Porque ás veces, a verdadeira revolución é deixarse tocar pola memoria.
Ribeira: espazos singulares para a palabra
O venres 4 de xullo ás 21.00 h, o Lavadoiro de Penisqueira será o escenario de Contara, do poeta e narrador Celso Fernández Sanmartín, unha colleita de historias de vida para público adulto. Coa súa voz serena, Celsiño achega ao Festival Atlántica un espectáculo que non busca o ruído nin a sorpresa, senón a verdade que agroma nas palabras herdadas. En Contara, o narrador lalinés toma historias do mundo rural e dálle corpo nunha proposta íntima e profunda. Non hai artificio nin présa: só o ritmo da memoria, o humor calado e a poesía da fala popular. Celso escoitou moito e agora ofrece ese tesouro en forma de contos que parecen pequenos, pero gardan dentro a vida enteira. Contara é un exercicio de escoita compartida, unha homenaxe á tradición oral e unha defensa da palabra como semente que cómpre coidar.

Ao día seguinte, o sábado 5 de xullo tamén ás 21.00 h, o Piñeiral da Corna en Palmeira acollerá Vénme ao bico un conto, unha sesión para adultos de Miguel Gouveia (Portugal) que estará acompañado por Aida Cobas (Galicia), unha das novas voces da narración oral galega que se estrea nesta edición do festival.
Neste espectáculo, pura delicadeza oral, a palabra brota fresca e limpa, coma a auga que nace nunha fonte. Un instante de encontro onde quen conta e quen escoita tecen xuntos un espazo de pausa, beleza e complicidade. A través de historias cotiás e universais, Gouveia e Cobas constrúen un tempo de intimidade no que imaxinación e emoción camiñan da man. Porque contar é tamén dar sentido, recuperar a esperanza e lembrar que as historias —ditas no momento xusto— poden ser un refuxio, unha revelación ou simplemente unha caricia no pensamento.
Palabra viva como amuleto
Co leitmotiv da memoria como amuleto protector, o Festival Atlántica 2025 pon o foco no poder simbólico da narración oral como acto de protección e resistencia. Os sanandresiños de Teixido, pequenas figuras votivas cargadas de desexos e significados, inspiran a imaxe desta décimo terceira edición do festival.
A presenza de Atlántica no Barbanza é posíbel grazas ao financiamento da Xunta de Galicia e da Deputación da Coruña e aos patrocinio dos concellos de Outes, A Pobra do Caramiñal e Ribeira. O Barbanza forma parte das máis de 27 localidades galegas e portuguesas que este ano acollen o festival. Toda a información está dispoñible na web: www.festivalatlantica.gal.
Atlántica, Festival Internacional de Narración Oral, naceu no ano 2013 con sede en Santiago de Compostela cunha clara vocación de ser un encontro de voces e historias de perfil atlanticista. Mantén o seu obxectivo de indagar nas raíces comúns das historias do océano, na procura da identidade cultural do Atlántico. Traballa a prol da posta en valor dunha arte escénica amarrada ao territorio, antiga pero adaptada aos tempos, e ampara, xera e difunde unha narrativa integradora, igualitaria e sostíbel.
Barbanza-Arousa | O Barbanza