O grupo municipal socialista de Rianxo vén de impulsar a convocatoria dun Pleno Extraordinario que se celebrará o 31 de xullo, co obxectivo de abordar cuestións prioritarias en materia educativa e social. A iniciativa responde, segundo explican, á inacción do Goberno local e á exclusión destas demandas do último Consello Escolar Municipal. Entre os puntos […] O grupo municipal socialista de Rianxo vén de impulsar a convocatoria dun Pleno Extraordinario que se celebrará o 31 de xullo, co obxectivo de abordar cuestións prioritarias en materia educativa e social. A iniciativa responde, segundo explican, á inacción do Goberno local e á exclusión destas demandas do último Consello Escolar Municipal. Entre os puntos
O grupo municipal socialista de Rianxo vén de impulsar a convocatoria dun Pleno Extraordinario que se celebrará o 31 de xullo, co obxectivo de abordar cuestións prioritarias en materia educativa e social. A iniciativa responde, segundo explican, á inacción do Goberno local e á exclusión destas demandas do último Consello Escolar Municipal.

Entre os puntos principais da orde do día figuran:
- Reclamación á Consellería de Educación para que se garantan as ratios legais e os recursos necesarios —profesorado especializado e persoal de apoio— nos centros educativos con alumnado con necesidades específicas.
- Revisión integral do servizo municipal de atención temperá, tanto en canto á calidade do servizo como ao cumprimento normativo e á atención prestada ás familias.
- Creación dunha comisión de seguimento da licitación do servizo de atención temperá, co fin de asegurar unha planificación axeitada e transparente.
O PSOE critica que estas demandas non foran incluídas no Consello Escolar celebrado o pasado 2 de xuño e cualifica esta omisión de “irresponsabilidade política e desprezo á comunidade educativa”. Así mesmo, denuncia a ausencia reiterada do concelleiro de Educación nestes encontros e a negativa do Goberno a permitir a participación da oposición.
Desde o grupo socialista lembran que esta presión política forzou ao alcalde a convocar o Pleno Extraordinario e a celebrar unha xunta de voceiros, a terceira en toda a lexislatura, despois de meses sen avances. Subliñan tamén que o regulamento de atención temperá aprobado inicialmente polo executivo local e o Partido Popular non garantía os dereitos das familias nin a calidade do servizo, deixando incluso unha familia sen acceso ao mesmo.
Ademais das cuestións educativas, o PSOE tamén demanda unha comisión extraordinaria para abordar outros temas clave, como o estado do PXOM, o seguimento da Residencia Pública, a situación do proxecto do Centro de Día —sobre o que din non ter recibido información—, o Plan de limpeza e desbroces 2025, así como datos económicos da Conta Xeral de 2024, incluíndo facturas pendentes e tempos de pago a provedores.
Os socialistas advirten que, de non atenderse estas solicitudes no prazo legal, volverán solicitar un Pleno Extraordinario e recorrerán ao Valedor do Pobo, ante o que consideran unha vulneración continuada do dereito á información e á transparencia.
Barbanza-Arousa | O Barbanza