Os Grupos de Acción Local de Pesca defenden en Bruxelas o papel do desenvolvemento local participativo

Unha representación dos Grupos de Acción Local de Pesca (GALP) de España desprazouse estes días a Bruxelas para manter diversas reunións institucionais con eurodiputados españois e representantes de institucións europeas, co obxectivo de trasladar a importancia de manter e reforzar o Desenvolvemento Local Participativo (DLP) nas zonas pesqueiras dentro do futuro marco financeiro europeo. A […] Unha representación dos Grupos de Acción Local de Pesca (GALP) de España desprazouse estes días a Bruxelas para manter diversas reunións institucionais con eurodiputados españois e representantes de institucións europeas, co obxectivo de trasladar a importancia de manter e reforzar o Desenvolvemento Local Participativo (DLP) nas zonas pesqueiras dentro do futuro marco financeiro europeo. A  

Unha representación dos Grupos de Acción Local de Pesca (GALP) de España desprazouse estes días a Bruxelas para manter diversas reunións institucionais con eurodiputados españois e representantes de institucións europeas, co obxectivo de trasladar a importancia de manter e reforzar o Desenvolvemento Local Participativo (DLP) nas zonas pesqueiras dentro do futuro marco financeiro europeo.

A delegación dos GALP estivo formada por representantes técnicos e institucionais de grupos de acción local pesqueiros de distintas comunidades autónomas do litoral español, reflectindo así a diversidade territorial das comunidades costeiras vinculadas ao sector pesqueiro e á economía azul. Os grupos galegos foron representados pola xerente do GALP Ría de Pontevedra, Laura Nieto, e polo presidente do GALP Ría de Arousa e patrón maior da Confraría de Rianxo, Miguel Ángel Iglesias Romero. 

Durante esta visita institucional, a delegación mantivo encontros con eurodiputados españois de distintos grupos políticos, entre eles representantes do Partido Popular, do Grupo Socialista e do BNG, así como con equipos parlamentarios doutras formacións con representación no Parlamento Europeo. Entre os encontros mantidos destaca a reunión con Carmen Crespo, eurodiputada do Partido Popular e presidenta da Comisión de Pesca do Parlamento Europeo.

Así mesmo, a delegación mantivo reunións con representantes españois no Comité Económico e Social Europeo, onde se abordaron cuestións relacionadas co desenvolvemento territorial, a economía azul e o papel das comunidades costeiras nas políticas europeas.

Reunión coa Comisión Europea

Un dos momentos centrais da visita foi a reunión mantida coa Dirección Xeral de Asuntos Marítimos e Pesca da Comisión Europea (DG MARE), na que participou a súa directora xeral, Charlina Vitcheva. Durante o encontro, os representantes dos GALP puxeron en valor o papel deste modelo como instrumento de proximidade que permite conectar as políticas europeas coa realidade social e económica das comunidades costeiras.

Os GALP subliñaron a súa contribución ao desenvolvemento da economía azul, impulsando proxectos de diversificación económica, innovación e sostibilidade nos territorios litorais.

Lembraron que en España, estes grupos están presentes en 44 zonas costeiras e integran máis de 1.200 entidades públicas, pesqueiras, empresariais e sociais.

Durante o período 2014-2020, os GALP españois promoveron 2.645 proxectos cun investimento superior a 170 millóns de euros, acadando un nivel de execución dos fondos próximo ao 96 %, o que evidencia a eficacia deste instrumento para xerar emprego e oportunidades nas zonas costeiras.

No contexto das negociacións sobre o novo marco financeiro europeo (2028-2034), os representantes dos GALP trasladaron ás institucións comunitarias “a necesidade de garantir a continuidade do Desenvolvemento Local Participativo nas zonas pesqueiras, asegurar un financiamento suficiente no marco do FEMPA, preservar a especificidade do desenvolvemento local costeiro, simplificar a xestión dos fondos europeos, reforzar a participación dos territorios na gobernanza e manter o estatus diferenciado das rexións ultraperiféricas”.

Un proceso de diálogo institucional

Esta visita enmárcase no traballo institucional desenvolvido polos GALP españois nos últimos meses para defender este modelo, que incluíu a aprobación dun Manifesto en defensa do Desenvolvemento Local Participativo e a súa presentación ante o Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación e a Comisión Europea.

Os GALP destacaron que o Desenvolvemento Local Participativo demostrou ser unha ferramenta eficaz para achegar Europa ao territorio, fortalecer o sector pesqueiro e contribuír á cohesión social das comunidades costeiras.

 Barbanza-Arousa | O Barbanza

Noticias Relacionadas