Os temporais provocaron máis de 3.500 aves mariñas abeiradas nas costas de Galicia (con Ribeira á cabeza dos rexistros)

Máis de tres mil cincocentos exemplares de aves mariñas foron rexistradas abeiradas nas costas de Galicia, como consecuencia dos intensos temporais que sufriu a costa noroeste de España entre xaneiro e febreiro. Así o vén de comunicar a Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños (CEMMA) no seu informe sobre a mortaldade recente das aves […] Máis de tres mil cincocentos exemplares de aves mariñas foron rexistradas abeiradas nas costas de Galicia, como consecuencia dos intensos temporais que sufriu a costa noroeste de España entre xaneiro e febreiro. Así o vén de comunicar a Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños (CEMMA) no seu informe sobre a mortaldade recente das aves  

Máis de tres mil cincocentos exemplares de aves mariñas foron rexistradas abeiradas nas costas de Galicia, como consecuencia dos intensos temporais que sufriu a costa noroeste de España entre xaneiro e febreiro. Así o vén de comunicar a Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños (CEMMA) no seu informe sobre a mortaldade recente das aves mariñas.

Arao papagaio nunha imaxe da CEMMA

Segundo se fai constar no balance, a aparición de aves mariñas abeiradas está relacionada coas duras condicións climáticas e ambientais do inverno, afectando especialmente ás aves invernantes do grupo dos álcidos (araos papagaios, araos romeiros e araos dos cons). O tren de borrascas que azoutou durante semanas á península Ibérica e boa parte da costa occidental europea, provocou a aparición de numerosas aves mariñas abeiradas, especialmente nas costas de Galicia, entre as Rías Baixas e a Costa da Morte, debido á predominancia dos ventos de sur e suroeste, tamén na costa de Portugal, e posteriormente nas costas do Cantábrico e a fachada Atlántica de Francia.

A CEMMA sinala que foron rexistradas máis de 30 especies de aves de todo tipo, maioritariamente mariñas e principalmente álcidos. Os máis afectados por estes episodios climatolóxicos, nesta ocasión, foron os araos papagaios (Fratercula artica), cun 92% dos casos, seguidos a moita distancia polos araos piros (Alle alle) e gaivotas tridáctilas (Rissa tridactyla), cada un deles co 2% dos casos. O resto das especies rexistráronse en valores inferiores ao 0,5%.

Os araos papagaios

Son moi coñecidos polo seu vistoso pico vermello. Esta especie reprodúcese no norte de Europa (Islandia, Noruega, Irlanda, Reino Unido) e migra ata as nosas latitudes para pasar o inverno. Dado que a maior parte do seu ciclo vital durante o inverno transcorre en alta mar, estas aves debilítanse cando hai temporais ao loitar contra as tormentas e ás dificultades para pescar, polo que moitas delas acaban morrendo de esgotamento e inanición.

Labor de prospección

Máis de 350 persoas destinaron parte do seu tempo, a maioría como voluntariado, á prospección da costa coa finalidade de detectar e rexistrar aves abeiradas. As asociacións CEMMA, SEO/BirdLife, Grupo Naturalista Hábitat, e Sociedade Galega de Historia Natural, e persoal da Subdirección General de Biodiversidad Terrestre y Marina MITECO recompilaron coordinadamente datos que chegaron a través da Rede de varamentos de Galicia da CEMMA, o Programa ICAO de SEO/BirdLife que conta cunha aplicación móbil, a Gardería de Medio Ambiente da Xunta de Galicia, grupos de Whatsapp, Internet e por outras múltiples vías, entre elas 112 e Centros de Recuperación.

As aves vivas foron derivadas aos Centros de Recuperación de Fauna Salvaxe da Xunta de Galicia. No caso das mortas, nunha grande parte foron recollidas pola Gardería de Medio Ambiente da Xunta de Galicia, mais foi imposíbel dar cobertura despois de cada marea nos 1500 km de costa de Galicia, o que “evidenciou unha carencia de medios para cubrir de forma efectiva todo o litoral”, informou a CEMMA, engadindo que “varios dos exemplares portaban anelas científicas que permitiron saber que proveñen de colonias do Reino Unido e incluso de Islandia e seguir o rastro destes exemplares”.

O concello cun maior número de rexistros foi Ribeira, cun 19% dos casos, seguido de O Grove, Muros, Carnota, Porto do Son, entre o 10-12%; Vigo, Cangas, Boiro, Sanxenxo, Vilagarcía, Bueu, Ferrol, entre o 1 e 6%; o resto en proporcións máis baixas ao 1%. A costa con maior número de abeiramentos foi sobre todo entre Fisterra e a ría de Vigo.

Vítimas dos temporais e do petróleo

En Galicia, algunhas aves atopáronse con manchas de combustíbel. Tamén en Francia, onde comprobaron que as manchas de hidrocarburos que presentaban as aves son compatíbel co fuel procedente dos petroleiros Tanio e Erika, naufragados en 1980 e 1999 respectivamente e que parece que continúan vertendo pequenas cantidades de combustíbel, contaminando así o mar e afectando as aves mariñas. Porén, sinala a CEMMA, “semella pouco probable que as aves manchadas en Galicia procedan desas áreas do Golfo de Biskaia; e ademais atopáronse verteduras recentes en praias da ría de Muros e Arousa”. De momento continúase coa alerta por se seguen aparecendo as aves ao longo da costa.

 Barbanza-Arousa | O Barbanza

Noticias Relacionadas