Preto de 500.000 persoas visitaron o ano pasado o Parque Nacional das Illas Atlánticas, con récord de afluencia no caso de Cortegada

Cíes foi unha vez máis a illa máis visitada, con case o 66% do total de visitantes, seguida de Ons, Sálvora e Cortegada, que desde 2021 duplicou a cifra de viaxeiros Preto de 500.000 persoas visitaron o Parque Nacional marítimo-terrestre das Illas Atlánticas de Galicia durante o ano pasado, con Cíes concentrando unha vez máis […] Cíes foi unha vez máis a illa máis visitada, con case o 66% do total de visitantes, seguida de Ons, Sálvora e Cortegada, que desde 2021 duplicou a cifra de viaxeiros Preto de 500.000 persoas visitaron o Parque Nacional marítimo-terrestre das Illas Atlánticas de Galicia durante o ano pasado, con Cíes concentrando unha vez máis  

Preto de 500.000 persoas visitaron o Parque Nacional marítimo-terrestre das Illas Atlánticas de Galicia durante o ano pasado, con Cíes concentrando unha vez máis a maior afluencia dos catro arquipélagos (case o 66% do total) e Cortegada pechando 2025 cunha cifra récord de 10.588 visitantes.

En concreto, un total de 323.357 persoas pasaron o ano pasado polas illas Cíes (balance un pouco inferior ao de 2024), mentres que Ons rexistrou practicamente a mesma afluencia que o ano anterior (142.309 visitantes). A estas cifras hai que sumar as 14.634 persoas que durante o mesmo período pasaron por Sálvora e as 10.588 que o fixeron no caso de Cortegada, unha illa que nunca antes superara a barreira dos 10.000 visitantes e que nos últimos cinco anos duplicou os seus visitantes.

Ademais, analizando a afluencia por meses, a tempada alta estival no parque nacional (que vai do 15 de maio ata o 15 de setembro) volveu concentrar o maior volume de viaxeiros de todo o ano, sendo agosto, como é habitual, o que concentrou a máxima afluencia, cun total de 163.654 persoas, seguido de xullo (132.751) e xuño (82.719).

En todo caso, cómpre destacar tamén o bo comportamento das visitas durante a Semana Santa —cun balance de 13.784 persoas durante todo o mes de abril fronte  ás 11.570 do ano anterior— e dos meses de maio, xuño e outubro, períodos nos que se detectou tamén un aumento da afluencia xeneralizado.

Neste sentido, a Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, titular da xestión deste espazo natural, leva anos traballando para potenciar a desestacionalización das viaxes ás Illas Atlánticas ao longo do ano así como para dar a coñecer un pouco máis entre os visitantes de Galicia e doutros puntos do país as illas de Sálvora e Cortegada.

Esta aposta da Xunta tradúcese, por exemplo, en actividades educativas e de voluntariado ambiental que se desenvolven durante todo o ano nos catro arquipélagos, ou nas visitas guiadas gratuítas que pon a dirección do parque nacional á disposición da cidadanía interesada en coñecer este espazo protexido fóra da época estival.

Por último, cómpre destacar tamén o traballo da Xunta que se desenvolve de modo continuado fóra das illas para dar a coñecer os seus valores e riqueza naturais e histórico-culturais, un labor de divulgación que se concentra no Centro de visitantes do Parque Nacional localizado en Vigo: o chamado Edificio Cambón.

Nestas instalacións organízanse numerosas charlas, actividades educativas, cursos, presentacións e accións formativas ao longo do ano, unha programación coa que o ano pasado chegou a máis de 4.500 persoas, entre alumnado de centros escolares da cidade e da contorna e cidadáns particulares interesados nalgún dos eventos organizados.

 Barbanza-Arousa | O Barbanza

Noticias Relacionadas