A Festa da Dorna vén este ano con extras. A celebración dorneira (77 singradura), que se desenvolve entre o 18 e o 24 de xullo, compleméntase este 2025 co Encontro de Embarcacións Tradicionais, que trae a Ribeira uns 150 barcos históricos con arredor dun milleiro de tripulantes máis unha cantidade considerábel de público e visitantes, […] A Festa da Dorna vén este ano con extras. A celebración dorneira (77 singradura), que se desenvolve entre o 18 e o 24 de xullo, compleméntase este 2025 co Encontro de Embarcacións Tradicionais, que trae a Ribeira uns 150 barcos históricos con arredor dun milleiro de tripulantes máis unha cantidade considerábel de público e visitantes,
A Festa da Dorna vén este ano con extras. A celebración dorneira (77 singradura), que se desenvolve entre o 18 e o 24 de xullo, compleméntase este 2025 co Encontro de Embarcacións Tradicionais, que trae a Ribeira uns 150 barcos históricos con arredor dun milleiro de tripulantes máis unha cantidade considerábel de público e visitantes, o que, unido á comunidade dorneira que xa está en Santa Uxía ou que volve á súa localidade procedente doutras vilas e cidades de Galicia, España e do mundo, converterá a localidade nun fervedoiro de xente dorna-friendly que é probábel que rompa récords cuantitativos e cualitativos.

XVII Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia
O XVII Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia celebrarase do 17 ao 20 de xullo no porto de Ribeira, organizado de forma conxunta por Culturmar, a Real e Ilustre Cofradía da Dorna e o Concello de Ribeira: un evento que volve ás súas orixes 32 anos despois, xa que foi en Santa Uxía onde se celebrou a primeira edición en 1993.
A 17ª convocatoria deste encontro consolídase como “a gran celebración da cultura marítima fluvial de Galicia, a actividade máis senlleira de Cultumar”, pois vense realizando dende 1993 de forma itinerante, congregando nas vilas mariñeiras a destacadas embarcacións tradicionais galegas e doutras partes da península e de Europa.
Esta grande exhibición de embarcacións representativas do patrimonio marítimo e fluvial acompáñase durante as catro xornadas dun amplo programa de actos culturais e de lecer dirixidos a todo tipo de público asistente.
Os organizadores prevén unha gran asistencia de barcos. Estiman poder alcanzar as 150 embarcacións que chegarán a Ribeira desde distintos puntos da Península, de Europa e incluso de América, cunha delegación que nos visitará desde Chile.
Na páxina web do Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia (encontroembarcacions.gal) poderemos atopar, ao detalle, a programación cultural para todos os
públicos prevista para eses días, que inclúe concertos, teatro, monicreques, coloquios, artesanía, exposicións, obradoiros e monólogos.
A nova singradura da Festa da Dorna (a 77)
Con estes ingredientes, a Real e Ilustre Confraría da Dorna non dubida á hora de vaticinar que esta edición 2025 da Festa da Dorna será unha “edición impresionante e histórica”. E comezando xa polo cartel de Rober Rodríguez, que xa engalana co seu deseño espectacular boa parte dos recunchos de Santa Uxía e da Internet (que non é pouco), e polos esforzos da organización por conseguir unha festa accesíbel (cen por cen sen barreiras comunicativas, físicas ou de calquera índole) e sen agresións (a través do destacado labor do punto violeta, que estará situado en diferentes emprazamentos de Ribeira).
A festa propiamente dita comeza como o día 18. Haberá Enghalanamento de Fanequeiras (despois de comer), a Serimonia de Inisiasión (pola noite)e Ruta de Tapas Mighelín (á hora do vermú, XI edición) e Macroqueimada (pola noite). Tamén está prevista a chegada do Facho Dorneiro (que percorrerá as rúas de Santa Uxía dende a mañá) e a celebración do espectáculo nocturno Dansin in the sity, con DJS animando a noite en diferentes enclaves estratéxicos de Santa Uxía.
Ao día seguinte, sábado 19 de xullo, celebraranse o Orghullo Ghaiteiro (dende primeira hora da mañá) coas bandas Suasebe, Os Enxebres de San Lázaro, Tahume, Laghareu, Trécola, Os Liantes, Riparia, Borja e Cía, Andavía, Río do Anxo, a Banda de Calo e Os Festas. Ao mediodía proseguirá a Ruta de Tapas e logo, pola tarde, celebraranse os Xoghos de Terra. Pola noite, nas fanequeiras engalanadas, volverá a Cansión de Tasca.
O domingo 20 ferverá de actividades destacadas, algunhas case novas do trinque como o Videomapping previsto para esta xornada e para a do luns 21 (na porta da Igrexa). A xornada do domingo tamén vén coa nova edición do Jran Prix de Carrilanas (como é tradición na costa da Mámoa, polo serán). Logo, pola noite, proseguirá o certame da Cansión de Tasca, coa jran final. E, maiores, consertaso da Banda Xangai na praza da Igrexa (porta do Sol).
O luns 21 será a quenda do Trinautlón Dorneiro (pola tarde na praia de Area Secada) e dun concerto de O Funkillo, pola noite. Previamente ao Trinautlón haberá un concerto de batea na Area Secada con El Clan de los Impostores, sobre as 16.00 horas.
O martes 22 de xullo celebrarase pola mañá a VI edición do Maratasón Infantil, dando paso, logo do xantar, ao Maratasón absoluto. Pola noite actuarán Jijó, West Dubaiey Demon, para rematar a gala coa Batalla de Ghalos Dorneiros.
O mércores 23 celebrarase pola tarde a XXXIII convocatoria do Voo sen Motor (sobre as 16.30 horas) e xusto despois a XXXIII edición dos Xoghos de Mar. Pola noite será a quenda da XXXIV entrega do Exame de Patróns, para dar paso logo a un concerto de Tropa do Carallo (no Malecón).
O xoves 24, Día da Dorna, levarase a cabo a XXXV Reghata de Embarcasións Feitas á Machada e Propulsadas a Pan de Millo na praia de Coroso, con concentración previa, ao mediodía, na explanada do porto de Ribeira. Logo da regata comezará a nova edición da Romaría Dorneira e pola noite, despois do gran desfile de todas as peñas polas rúas de Santa Uxía (o Top Secret) os noieses Monoulious Dop porán o broche de ouro á Festa da Dorna 2025.
Barbanza-Arousa | O Barbanza