Rianxo incorpórase ao proxecto galego que aposta pola xestión sostible dos montes veciñais

O Laboratorio Ecosocial do Barbanza impulsa a sustentabilidade dos montes veciñais con comunidades piloto e novos proxectos en Rianxo Durante o mes de maio celebráronse as xornadas de devolución Construíndo en comunidade, organizadas polo Laboratorio Ecosocial do Barbanza, en colaboración coa Universidade de Santiago de Compostela —a través do grupo HISTAGRA e o CISPAC— e […] O Laboratorio Ecosocial do Barbanza impulsa a sustentabilidade dos montes veciñais con comunidades piloto e novos proxectos en Rianxo Durante o mes de maio celebráronse as xornadas de devolución Construíndo en comunidade, organizadas polo Laboratorio Ecosocial do Barbanza, en colaboración coa Universidade de Santiago de Compostela —a través do grupo HISTAGRA e o CISPAC— e  

@Laboratorio Ecosocial do Barbanza

Durante o mes de maio celebráronse as xornadas de devolución Construíndo en comunidade, organizadas polo Laboratorio Ecosocial do Barbanza, en colaboración coa Universidade de Santiago de Compostela —a través do grupo HISTAGRA e o CISPAC— e a Universidad Pablo de Olavide. Estes encontros tiveron lugar en Baroña (Porto do Son), O Carballo (Friol) e Zobra (Lalín), e serviron para presentar ás comunidades comuneiras os resultados das análises de sustentabilidade dos seus montes veciñais, así como para recoller propostas e reflexións sobre o futuro destes espazos.

As xornadas forman parte dun proceso de investigación e acompañamento iniciado en 2020 polo Laboratorio, co obxectivo de poñer en valor as formas históricas de manexo comunal e apoiar a transición cara a modelos de xestión forestal máis sustentables. Desde 2021 desenvolvéronse iniciativas prácticas nesa liña, e en 2024 o proxecto foi seleccionado pola Fundación Biodiversidad do Ministerio para la Transición Ecológica (MITECO) no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRTR), financiado pola Unión Europea – NextGenerationEU.

O proxecto desenvolveu unha metodoloxía propia de análise de sustentabilidade, combinando fontes históricas, documentación comunitaria, entrevistas e traballo de campo. Aplicouse inicialmente a tres comunidades piloto —Baroña, O Carballo e Zobra—, onde se avaliaron aspectos ambientais, sociais e económicos dos montes, así como os servizos ecosistémicos que proporcionan: desde a produción de madeira e a gandaría extensiva ata actividades recreativas, culturais ou a xeración de enerxía.

Esta metodoloxía será agora aplicada ás comunidades de montes veciñais de Rianxo, integradas na Plataforma pola Defensa do Monte, co obxectivo de acompañalas no seu proceso de transición sostible. A diagnose basearase nun diálogo estreito coa veciñanza comuneira e no estudo cartográfico e documental de cada monte.

A análise desenvolvida revelou a riqueza e diversidade de usos actuais dos montes veciñais, valorados desde unha perspectiva de metabolismo social e enfoque agroecosistémico: fixación de carbono, provisión de auga, xeración de emprego, actividades culturais e educativas, conservación da biodiversidade, entre outros.

Tamén se elaboraron mapas de usos que recollen funcións produtivas (como madeira e apicultura), sociais (festas, educación ambiental), ambientais (biodiversidade) e patrimoniais, co fin de reforzar a capacidade de decisión das comunidades e mellorar a súa relación coa administración.

As xornadas permitiron identificar retos comúns e fortalecer o coñecemento compartido entre comunidades, sentando as bases para expandir esta experiencia a outras CMVMC de Galicia, con especial atención ás de Rianxo. O obxectivo: construír ferramentas útiles, adaptadas á realidade de cada territorio, que impulsen a sustentabilidade dos montes comunais e o futuro do rural galego.

@Laboratorio Ecosocial do Barbanza

 Barbanza-Arousa | O Barbanza

Noticias Relacionadas