Ribeira dá comezo ás Festas do Verán cun emotivo pregón de Toñito de Poi apelando á felicidade

A praza do Concello de Ribeira acolleu o acto inaugural das Festas do Verán, que deron comezo cun pregón memorable a cargo do artista ribeirense Toñito de Poi. Acompañado por unha multitude entregada, o pregoeiro fixo un chamamento ao cariño, á memoria e ao sentido da comunidade, mesturando humor, lembranzas persoais e amor pola vila […] A praza do Concello de Ribeira acolleu o acto inaugural das Festas do Verán, que deron comezo cun pregón memorable a cargo do artista ribeirense Toñito de Poi. Acompañado por unha multitude entregada, o pregoeiro fixo un chamamento ao cariño, á memoria e ao sentido da comunidade, mesturando humor, lembranzas persoais e amor pola vila  

A praza do Concello de Ribeira acolleu o acto inaugural das Festas do Verán, que deron comezo cun pregón memorable a cargo do artista ribeirense Toñito de Poi. Acompañado por unha multitude entregada, o pregoeiro fixo un chamamento ao cariño, á memoria e ao sentido da comunidade, mesturando humor, lembranzas persoais e amor pola vila que o viu medrar.

Toñito fixo un discurso co mesmo espírito co que leva décadas subido aos escenarios: autenticidade, retranca e corazón. Relatou como atopou inspiración para o pregón no camiño a Ribeira, ao cruzar a Ponte Maceira, e como foi unha nena de cinco anos, Martina, foi quen lle deu un consello moi valioso: “Poñerlle cariño”. Iso foi o que fixo e Ribeira correspondeulle cunha forte ovación.

Nun pregón cheo de metáforas e emoción, Toñito identificou a cada ribeirense como unha pinga de auga que, unida ás demais, forma o mar. Un mar de xente que é a verdadeira riqueza da vila. Tamén compartiu vivencias que fixeron rir e emocionar ao público, como aquelas visitas ao mercado semanal, baixar a Ribeira vestido “de dominco”, ou as noites adolescentes na mítica discoteca Totem, entre bailes e amores. O músico reivindicou que a felicidade, como a festa, está feita de cousas pequenas pero verdadeiras, e lembrou que as festas coinciden co Día Mundial da Amizade, un feito que, segundo dixo, encaixa perfectamente co espírito que se quixo transmitir este ano.

Antes del, tomou a palabra o alcalde de Ribeira, quen quixo poñer en valor o traballo realizado para sacar adiante unhas festas que, en palabras súas, “hai pouco parecían imposibles”. Agradeceu de xeito especial ao equipo de goberno e ao persoal técnico do Concello, que traballou sen descanso para que a celebración poida ter lugar, como sempre, “onde sempre”, malia as dificultades atopadas no camiño.

No seu discurso, o alcalde fixo tamén unha firme defensa da identidade mariñeira da vila, do seu patrimonio natural e, sobre todo, da súa xente. Reivindicou o talento local e a importancia de recoñecer aquelas persoas da casa que levan o nome de Ribeira por todo o mundo. E subliñou a vontade de facer unhas festas pensadas para todas e para todos, coas que a vila avanza en inclusión e accesibilidade, incluíndo medidas como as franxas horarias sen ruído para que tamén os nenos e nenas con autismo poidan participar con tranquilidade.

O acto pechouse cun aplauso prolongado a Toñito de Poi, que foi presentado polo alcalde como “alguén que representa o espírito destas festas: a alegría, a identidade, a loita e o agarimo pola nosa terra. Alguén que é música, é teatro, é cultura, é ribeirense e é galego ata a medula.”

As Festas do Verán de Ribeira xa están en marcha. Serán días para gozar, compartir e lembrar que, como dixo o propio pregoeiro, “se o facemos xuntos e con cariño, todo sae mellor”.

 Barbanza-Arousa | O Barbanza

Noticias Relacionadas