Ribeira inviste 40.000 euros en melloras nos colexios públicos de cara ao novo curso

O Concello de Ribeira acometeu este verán múltiples actuacións de mellora e mantemento nos colexios públicos do municipio co obxectivo de garantir un inicio de curso en condicións axeitadas de seguridade, accesibilidade e confort para alumnado e profesorado. O alcalde, Luís Pérez Barral, e a concelleira de Educación, Cruz Rivadulla, visitaron o CEIP Deán Grande […] O Concello de Ribeira acometeu este verán múltiples actuacións de mellora e mantemento nos colexios públicos do municipio co obxectivo de garantir un inicio de curso en condicións axeitadas de seguridade, accesibilidade e confort para alumnado e profesorado. O alcalde, Luís Pérez Barral, e a concelleira de Educación, Cruz Rivadulla, visitaron o CEIP Deán Grande  

O Concello de Ribeira acometeu este verán múltiples actuacións de mellora e mantemento nos colexios públicos do municipio co obxectivo de garantir un inicio de curso en condicións axeitadas de seguridade, accesibilidade e confort para alumnado e profesorado.

O alcalde, Luís Pérez Barral, e a concelleira de Educación, Cruz Rivadulla, visitaron o CEIP Deán Grande para facer balance dos traballos desenvolvidos. Rivadulla explicou que as obras se decidiron logo de reunións coas direccións dos centros, priorizando aquelas máis urxentes, e agradeceu a colaboración da comunidade educativa: “Sabemos que queda moito por facer, pero seguiremos progresivamente acometendo melloras tan necesarias”.

Entre as intervencións máis destacadas figuran a construción dunha rampla de accesibilidade de 14 metros no colexio de Palmeira, a recollida de pluviais e nova beirarrúa de formigón en Frións, a creación dun novo baño en Olveira e a renovación integral de tres baños e do saneamento no Caramecheiro, onde se detectou que o centro carecía de rede adecuada e vertía a unha fosa séptica con filtracións cara á praia. Tamén se realizaron tarefas de carpintaría, fontanaría, reparación de xogos infantís, pintado de aulas e acondicionamento de espazos en diferentes centros como O Grupo, Carreira, Capela de Carreira, Heroínas de Sálvora e Artes.

O alcalde felicitou á brigada municipal de obras “polo esforzo de executar todas estas actuacións en tan pouco tempo” e subliñou que o investimento, de preto de 40.000 euros, responde ao compromiso do goberno local coa educación pública: “Unha educación de calidade tamén precisa de espazos ben coidados”.

Ademais, Pérez Barral anunciou que este curso comeza cun novo impulso á conciliación familiar, mediante a financiación municipal do monitorado dos servizos de madrugadores e comedores escolares en colaboración coas ANPAS, para facilitar horarios e aliviar a carga económica das familias.

O Concello trasladou tamén á Consellería de Educación a importancia de atender as demandas da comunidade escolar de Ribeira e de dotar de profesorado suficiente aos centros, co obxectivo de garantir unha actividade académica de calidade.

Entre os traballos desenvolvidos destacan:
Colexio O Grupo: reparación e recollida de augas filtradas das xardineiras da rampla traseira, derrubo dun mostrador con vertedoiro nunha aula e acondicionamento da zona, ademais da reparación de fendas e pintado de varias paredes.
Colexio de Frións: traballos de recollida de pluviais no patio infantil traseiro, construción dunha beirarrúa de formigón, reparación do valado exterior, instalación de tarima nunha aula, colocación dunha toma de auga xunto á pista, instalación dunha toma de corrente rack, reparación dunha fuga de auga nos aseos (pendente de ofertar) e reposición de billas.
Colexio de Carreira – Pé do Corniño: colocación de tarima nunha aula, instalación dun encerado, reparación de persianas e elaboración dunha oferta para substituír luminarias.
Colexio da Capela de Carreira: descuberta e reparación do enreixado drenante de augas, habilitación dun tubo de desaugue e colocación dun banco no patio.
Colexio de Palmeira: habilitación dunha rampla de 14 metros lineais en formigón con bordos laterais para dar accesibilidade á pista deportiva e tapado de fochancas no patio.
Colexio do Caramecheiro: renovación integral dos baños, acometida de saneamento da que o colexio carecía e restauración dos xogos infantís do patio.
Colexio de Olveira: renovación integral dun baño no primeiro andar, pintado de tres aulas e dun baño, así como reparación do pavimento vinílico nun baño infantil.

Colexio Heroínas de Sálvora: mantemento xeral e nos próximos meses derrubo dun muro exterior.
Colexio de Artes: reparacións varias de fontanaría e carpintaría, e colocación dunha baixante de auga no tellado do polideportivo.

 Barbanza-Arousa | O Barbanza

Noticias Relacionadas