Ribeira reivindica a confluencia entre cultura mariñeira e cinema coa VII Mostra Internacional Mares da Fin do Mundo

O Concello de Ribeira acolleu este venres 25 de outubro a presentación da sétima Mostra Internacional Mares da Fin do Mundo, un acontecemento que recala este outono en Santa Uxía logo dos éxitos (de participación, de repercusión) acadados en Outes e que ten o obxectivo de reivindicar a rica e sempre enriquecedora confluencia entre cultura […] O Concello de Ribeira acolleu este venres 25 de outubro a presentación da sétima Mostra Internacional Mares da Fin do Mundo, un acontecemento que recala este outono en Santa Uxía logo dos éxitos (de participación, de repercusión) acadados en Outes e que ten o obxectivo de reivindicar a rica e sempre enriquecedora confluencia entre cultura  

O Concello de Ribeira acolleu este venres 25 de outubro a presentación da sétima Mostra Internacional Mares da Fin do Mundo, un acontecemento que recala este outono en Santa Uxía logo dos éxitos (de participación, de repercusión) acadados en Outes e que ten o obxectivo de reivindicar a rica e sempre enriquecedora confluencia entre cultura mariñeira e cinema. Acudiron á presentación Luís Pérez Barral (alcalde de Ribeira), Francisco Suárez-Puerta (segundo tenente de alcalde), Antía Alberte (concelleira de cultura), Fernando Abraldes (concelleiro do Mar) e Marcos Gallego (presidente da Asociación Cultural Mares da Fin do Mundo). Segundo salientaron, a maioría das actividades previstas celebraranse no novo Auditorio Municipal de Ribeira, un dos grandes proxectos arquitectónicos e urbanos do Barbanza e Galicia deste 2024, polo que será un xeito de acadar a máxima repercusión e visibilidade para a MDFDM.

A mostra, organizada pola Asociación Cultural Mares da Fin do Mundo e o Concello de Ribeira, coa colaboración da Deputación da Coruña e da Xunta de Galicia celebrarase entre os días 30 de outubro e o 3 de novembro en Ribeira. Durante a súa intervención, o alcalde de Ribeira fixo fincapé en que “Ribeira vive e respira mar. Somos unha comunidade unida polo Atlántico, que nos define, impulsa e da vida. Ribeira acolle a lonxa máis importante de Europa en volume de descarga de peixe fresco. Isto fala da nosa vocación mariñeira, da nosa tradición, pero tamén do noso compromiso coa sustentabilidade e a preservación deste recurso vital para a nosa cidade”. Seguindo nesta liña, comentou que “este festival será un espazo onde converxerán miradas e voces de todo o mundo para contarnos historias sobre o mar, a súa diversidade, os seus desafíos, e a xente que, como nós, fixo do mar a súa vida. A través dos documentais que veremos en pantalla, poderemos entender mellor os retos globais dos nosos mares e océanos, ademais de reflexionar sobre como cada un de nós, dende Ribeira e dende calquera recuncho do planeta, pode contribuír á súa conservación. Facemos unha aposta clara e decidida pola conservación dos mares e dos océanos, apoiamos a pesca tradicional e artesanal e queremos facer todo isto dende o ámbito local potenciando ademais a nosa lingua e a nosa cultura” nun festival que “queremos que sexa unha experiencia para toda a familia, aberta, accesíbel e enriquecedora. Haberá proxeccións no auditorio, obadoiros para a mocidade, coloquios con directores e produtores de primeiro nivel, e, por suposto, actividades que achegarán ao público ás nosas tradicións mariñeiras como son eses paseos pola ría de Arousa en barco tradicional”.

O rexedor pechou a súa intervención convidando a toda a poboación a que acuda a esta Mostra Internacional de Cinema Documental Mares da Fin do Mundo e agradecendo a todos os que “fan posíbel que este evento se celebre en Ribeira, dende a Asociación Cultural Mares da Fin do Mundo, edís e persoal municipal e tamén ás institucións, patrocinadores e veciñanza de Ribeira, polo seu compromiso co mar e coa cultura”.

Programación

De seguido, presentouse a programación da mostra. Segundo fixeron saber, a nova edición da MDFDM mantén a estrutura de proxeccións da anterior edición, exhibindo máis de vintecinco filmes nacionais e internacionais nas diferentes seccións. Estas terán lugar durante as tardes no citado novo Auditorio de Ribeira, complementadas con actividades paralelas que está programado celebrar de mañá en localizacións como o Club Náutico Deportivo de Ribeira ou a lonxa da cidade.

Este ano, para asistir ás sesións de proxeccións será preciso facer a inscrición a través do portal web de A Taquilla.

Así mesmo, para asistir ao resto de actividades que precisen inscrición, será necesario reservar a través do sitio web da Mostra.

Competición Oficial

Mantendo o formato de anteriores edicións, a VII edición de Mares da fin do Mundo volverá contar cunha Competición Oficial na que participarán quince obras documentais producidas con posterioridade ao 1 de xaneiro do 2023, de menos de 60 minutos de duración e chegadas dende diferentes puntos do mundo. Mantéñense os dous premios da Competición Oficial, así coma a dotación económica dos mesmos. Estes premios son: o Premio do Público (Trofeo Heroínas de Sálvora, cunha dotación económica de 1000 €), e o premio á Mellor Película da Competición Oficial (Trofeo O Faro, cunha dotación económica de 2000 €), outorgado por un xurado profesional.

A continuación, damos conta dos filmes que forman parte da competición:

Aimer la mer à Gaza, de Sarah Katz e Samia Ayeb (Francia/Palestina, 2024)

4 AM, de Kuba Zalewski (Polonia, 2023)

Arrullo, de Amauta García e David Camargo (Países Baixos, 2023)

Blow, de Neus Ballús (España, Cataluña, 2023)

Boca Chica, de Ái Vuong e Samuel Díaz (Estados Unidos, 2023)

Das Águas, de Adalberto Oliveira e Tiago Martins Rêgo (Brasil, 2023)

Fishing with Timbó, de Aida Harika Yanomami, Edmar Tokorino Yanomami e Roseane Yariana Yanomami (Brasil, 2023)

Isblink, de Olga Krüssenberg (Suecia, 2024)

Koka, de Aliaksandr Tsymbaliuk (Polonia, 2024)

Mermaid, de Eilif Bremer Landsend (Noruega, 2023)

Oro Rojo, de Milton Ferreira Monteiro (Arxentina, 2023)

Percebes, de Alexandra Ramires e Laura Gonçalves (Portugal/Francia, 2024)

Todo lo cubre la sal, de Joana Moya (España, País Vasco, 2023)

Toxicily, de François-Xavier Destors e Alfonso Pinto (Italia/Francia, 2023)

Voyage de documentation de Madame Anita Conti, de Louise Hémon (Francia, 2023)

Múltiples linguas

Na rolda de prensa fíxose saber que estamos “ante quince filmes de doce nacionalidades distintas e falados en múltiples linguas (con subtítulos en galego), que nos achegarán á realidade da pesca artesanal ao redor do mundo, ás profesións do mar e aos problemas que estes profesionais enfrontan na actualidade”. Do mesmo xeito, algúns dos títulos abordarán temas como a investigación científica, o cambio climático e o impacto da industria petroquímica no medio mariño. A través destas obras, a mostra pretende abrir debates críticos e reflexivos sobre as consecuencias da explotación dos recursos mariños.

Proxeccións especiais

O filme que inaugurará a sétima MDFDM será Remando a la deriva, de Sarvnik Kaur (India/Francia, 2023), gañadora do Premio Especial do Xurado – Cinema da Realidade no Festival de Sundance no ano 2023. Esta obra confronta as visións de dous pescadores herdeiros da cultura Koli, un sistema ancestral de pesca que se rexe polo ciclo lunar e as mareas. Mentres Rakesh se aferra aos coñecementos e técnicas ancestrais para manter á súa familia, Ganesh foise afastando da tradición para incorporar a tecnoloxía no seu barco de pesca. Ao mesmo tempo, os dous enfrontan un desafío maior: o impacto devastador do cambio climático, que pon en perigo a súa subsistencia e o futuro das súas tradicións.

MDFDM 2024 volverá contar con dúas seccións paralelas: Proa, na que se programan filmes e cineastas na vangarda do cinema da realidade, que abordan os temas centrais da mostra e ollan cara ao futuro, e Popa, dedicada á proxección de arquivos e filmes históricos.

Os documentais que integrarán a sección Proa serán The Oil Machine, da directora británica Emma Davie (Reino Unido, 2022), e Deep Rising, de Matthieu Rytz (Estados Unidos, 2023). O filme de Davie explora a relación económica, histórica e emocional que mantemos co petróleo, analizando os imperativos contraditorios arredor dos xacementos no Mar do Norte. A extracción deste recurso é unha peza clave na economía británica, pero tamén é o xerme dun intenso debate que divide ao país: mentres algúns valoran os beneficios económicos, outros alertan sobre as graves consecuencias ambientais e para a saúde en todo o planeta. Por outro lado, no filme de Rytz, as impresionantes imaxes dun fondo mariño vivo e case descoñecido chocan cos intereses crecentes das empresas tecnolóxicas por explotalo. A escaseza de minerais coma o manganeso, o cobalto e o níquel na superficie terrestre, recursos clave para a industria das enerxías renovábeis e a fabricación de baterías, está levando a estas compañías a explorar e explotar as profundidades oceánicas, onde estes valiosos materiais aínda abundan, poñendo en risco todo o ecosistema.

Nesta sétima edición, a sección Popa contará coa colaboración da Cineteca de Bologna na proxección de catro filmes que forman parte dunha serie de curtametraxes documentais que o gran cineasta italiano Vittotio De Seta rodou a mediados do século pasado na illa de Sicilia. Trátase de catro obras neorrealistas nas que o mar e a pesca ocupan un lugar central. Estas obras son: O tempo do peixe espada (1954), Illas de lume (1954), Campesiños do mar (1956) e Barcos de pesca (1958).

Ademais destes catro filmes, proxectarase unha entrevista realizada a Vittorio De Seta no marco do festival II Cinema Ritrovato no ano 2006.

O día 1 e novembro pola tarde celebrarase a performance Echo Alfa Delta Zulu, un novo espectáculo audiovisual de Adrián Canoura e Anxo R. Ferreira, resultado dun proceso de investigación ao redor do mar e do arquivo sonoro/audiovisual existente, que parte da contraposición do mundo real e o imaxinario.

O domingo 3 de novembro, despois da entrega de premios, proxectarase unha versión estendida do documental Voces da conserva, de Lesmes Iglesias, como filme de clausura desta sétima edición. Esta peza narra o auxe da salgadura e os comezos da conserva hermética en Barbanza – Arousa, dende os pioneiros e fomentadores autóctonos ata os emprendedores chegados de Cataluña. Aborda tamén a transformación do sector e os cambios provocados por crises, conflictos e guerras, así como o valor da industria e do produto como eixes do desenvolvemento económico e base da subsistencia da poboación durante máis dun século.

Actividades paralelas

Como en edicións anteriores, a programación compleméntase con varias actividades paralelas desenvolvidas entre a Sala Polivalente do Auditorio de Ribeira e o Club Náutico Deportivo de Ribeira. Estas comezarán o mércores coa gravación e emisión dixital en directo do programa Mar de Ardora da Radio Galega, conducido polo xornalista Xusto López Carril.

O xoves 31 celebrarase por primeira vez o Panel do Mar, unha serie de relatorios nos que se abordará a situación da industria pesqueira na actualidade, analizando o impacto económico e social da pesca e as súas perspectivas de futuro. Resaltar a presenza da DG MARE da Comisión Europea por primeira vez na Mostra, a través do axunto á mesma Ángel Santos Calvo, que presentará o informe 2024 Annual Economic Report of the EU fishing fleets. A continuación, terá lugar no Auditorio o faladoiro audiovisual Marea de contidos, un espazo creado para achegarnos ás novas realidades sobre a produción audiovisual e cinematográfica centrada no mar e na pesca artesanal local. Os asistentes terán a oportunidade de ver unha serie de curtametraxes que poñen en valor o patrimonio pesqueiro e costeiro da ría de Arousa. En concreto, proxectaranse: A xouba de Rianxo e arte do xeito, Voces da conserva e Mar de redes, títulos promovidos polo Concello de Rianxo, a Mancomunidade Barbanza Arousa e o IES Félix Muriel, respectivamente. Unha vez rematada a proxección, terá lugar un diálogo entre os representantes dos filmes e o divulgador e pescador Rogelio Santos Queiruga.

Nas mañás do venres, sábado e domingo, os asistentes á mostra poderán descubrir o territorio a través das saídas pola ría no balandro Joaquín Vieta e na tarrafa Chasula.

O venres será a quenda da tradicional mesa de debate arredor da pesca sostíbel, baixo o título Elas traballan no mar, centrada no papel fundamental da muller no sector pesqueiro.

O sábado 2 de novembrocelebrarase na Lonxa de Ribeira un obradoiro de gyotaku con Maribel Longueira, que permitirá aos asistentes aprender sobre esta técnica centenaria.

Nesta VII Edición da Mostra MDFDM retómase o Obradoiro de Cinema con Móbiles, unha actividade de formación de novos públicos, onde o alumnado do IES Número 1 tomará contacto coa cinematografía e co tratamento narrativo do seu entorno patrimonial, social e medioambiental. Durante a cerimonia de clausura proxectarase o traballo desenvolvido e farase entrega dos diplomas ao alumnado. No marco dunha colaboración que o IES Félix Muriel de Rianxo ven desenvolvendo coa Mostra orientada aos Obradoiros de Cinema con Móbiles e ao proxecto europeo Escolas Azuis, o día 30 de outubro, visitáranos unha delegación do citado IES.

Do mesmo xeito, nesta edición, volvemos contar en MDFDM cunha exposición fotográfica no Centro Cultural Lustres Rivas. Nesta ocasión, poderase gozar da obra de Maribel Longueira Xente no medio, unha serie de 20 fotografías nas que os desperdicios expulsados polo mar se superpoñen sobre retratos de adultos e nenos de diferentes culturas, actuando esta combinación coma unha metáfora visual que incite á reflexión sobre a nosa relación co medio ambiente.

Mares da Fin do Mundo é un proxecto local, asentado no rural pero con proxección internacional. Unha mostra comprometida co medio marítimo e co sector pesqueiro, que busca crear conciencia sobre a necesidade de coidar un dos nosos recursos naturais máis valiosos: o mar. Despois de seis edicións (desde 2018), MDFDM segue a traballar por ser un espazo de referencia e punto de encontro, tanto para o sector audiovisual como o pesqueiro e a cidadanía en xeral. A mostra está organizada pola Asociación Cultural Mares da Fin do Mundo, coa colaboración na dirección e produción de ABA Films e o apoio, entre outros, da Deputación da Coruña, a Dirección Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia e o Concello de Ribeira. Así mesmo, MDFDM forma parte de Proxecta (Coordinadora Galega de Festivais de Cinema, integrada na federación estatal Pantalla).

 Barbanza-Arousa | O Barbanza

Noticias Relacionadas