Teófilo Edicións publica “Castelao entre Nós”, de Paco López-Barxas

Coincidindo co 75 aniversario da morte de Castelao e a declaración de Ano Castelao pola Xunta de Galicia, o selo compostelán Teófilo Edicións vén de publicar, cun formato de luxo e coidado até o máis mínimo detalle, o libro Castelao entre Nós de Paco López-Barxas. Con ilustracións de Isabel Pintado, o volume achega unha nova […] Coincidindo co 75 aniversario da morte de Castelao e a declaración de Ano Castelao pola Xunta de Galicia, o selo compostelán Teófilo Edicións vén de publicar, cun formato de luxo e coidado até o máis mínimo detalle, o libro Castelao entre Nós de Paco López-Barxas. Con ilustracións de Isabel Pintado, o volume achega unha nova  

Coincidindo co 75 aniversario da morte de Castelao e a declaración de Ano Castelao pola Xunta de Galicia, o selo compostelán Teófilo Edicións vén de publicar, cun formato de luxo e coidado até o máis mínimo detalle, o libro Castelao entre Nós de Paco López-Barxas. Con ilustracións de Isabel Pintado, o volume achega unha nova e interesante ollada ao legado dun rianxeiro inmortal, sobranceira figura dos nosos ámbitos cultural, artístico, político e literario.

Segundo explican dende a editorial, Castelao entre Nós non é un ensaio nin un estudo erudito, senón un achegamento á obra e personalidade do máis destacado compoñente dunha xeración a través dun xeito atractivo, coloquial e xornalístico.

Neste sentido, Paco López-Barxas fai falar a Castelao en primeira persoa, e faino da súa vida e da súa obra, sen esquecer o seu pensamento, o que din e o que contan os seus propios coetáneos e amigos. “Trátase dunha forma amena e didáctica de achegar a súa figura e de facela máis próxima a todos aqueles lectores que sintan a curiosidade por descubrir esta figura excepcional do noso século XX”, sinalan dende a editorial, engadindo que o autor xa ten unha completa experiencia neste eido, a través dos catro volumes precedentes que compoñen o estoxo Nós arredor de nós (100 anos dunha xeración irrepetible), publicados anteriormente pola mesma editorial con motivo do centenario da revista Nós.

Pola súa banda, Castelao entre Nós é unha proposta ficcionada, un relato artellado de forma amena para achegar a figura de Castelao a un abano amplo de lectores, “unha historia contada polo propio Castelao dun xeito distendido e divulgativo”, destacan dende Teófilo Edicións, engadindo que o propio título da obra responde á finalidade de achegar a vida e obra de Castelao a través dunha mirada próxima, sen artificios nin pretensións críticas ou ensaísticas, onde os temas son expresados con destacada sutileza narrativa.

Tras o inicial capítulo de Arredor de min, Castelao fai un percorrido en Arredor de Nós pola formación e desenvolvemento do grupo ao que pertence xeracionalmente, incluíndo os personaxes principais e secundarios que o acompañan. Cabe mencionar neste desfile de abandeirados galeguistas aos integrantes de Nós, das Irmandades da Fala, do Seminario de Estudos Galegos, amigos como Losada Diéguez e Alexandre Bóveda, editoriais e revistas fundamentais no contexto cultural do seu tempo.

Tralo seguinte apartado, Arredor do que dixen, no que se recolle unha breve selección de textos de Castelao, Paco López-Barxas compila baixo o epígrafe de Arredor do que din unha serie de fragmentos e opinións de máis de 40 persoeiros das nosas letras, dende Antón Vilar Ponte e os integrantes de Nós ata o actual presidente da RAG, Henrique Monteagudo, e o presidente da Fundación Castelao, Miguel Anxo Seixas Seoane, pasando por outros como Carvalho Calero, Torrente Ballester, Cunqueiro, Granell, Novoneyra, Alonso Montero, Xosé Luis Méndez Ferrín, Justo Beramendi e Alfredo Conde, entre outros.

Finalmente, Paco López-Barxas inclúe nestas páxinas unha significativa escolma poética que leva por título Arredor dos poetas, composicións todas elas dedicadas a Castelao, entre as que figuran poemas de Ramón Cabanillas, Teixeira de Pascoães, Celso Emilio Ferreiro, Luz Pozo Garza, Uxío Novoneyra, Salvador García Bodaño, Franco Grande, Dario Xohán Cabana, Fiz Vergara Vilariño, ou poemas inéditos realizados para esta edición por Xulio Valcárcel, Carmen Blanco e Claudio Rodríguez Fer.

 Barbanza-Arousa | O Barbanza

Noticias Relacionadas