Veciños da parroquia de Leiro, no concello de Rianxo, veñen de dar un paso adiante na loita contra o abandono e a degradación dos montes, creando a Asociación Monte Privado de Rianxo, unha entidade sen ánimo de lucro que ten como obxectivo principal coidar, limpar e aproveitar de forma sostible os terreos forestais privados. Segundo […] Veciños da parroquia de Leiro, no concello de Rianxo, veñen de dar un paso adiante na loita contra o abandono e a degradación dos montes, creando a Asociación Monte Privado de Rianxo, unha entidade sen ánimo de lucro que ten como obxectivo principal coidar, limpar e aproveitar de forma sostible os terreos forestais privados. Segundo
Veciños da parroquia de Leiro, no concello de Rianxo, veñen de dar un paso adiante na loita contra o abandono e a degradación dos montes, creando a Asociación Monte Privado de Rianxo, unha entidade sen ánimo de lucro que ten como obxectivo principal coidar, limpar e aproveitar de forma sostible os terreos forestais privados.
Segundo explican desde a organización, a iniciativa xorde tras anos de preocupación pola falta de xestión dos montes, que ademais de supor unha perda de riqueza e biodiversidade, agrava ano tras ano o problema dos incendios forestais. Cada verán multiplícanse os gastos públicos en labores de extinción, mentres se desaproveita o enorme potencial produtivo e ambiental que ofrecen estas terras.
A asociación propón un modelo baseado na ordenación forestal planificada, con plantacións adaptadas ao medio e criterios técnicos orientados á rendibilidade e sustentabilidade. As actuacións incluirán a limpeza das fincas, a mellora dos accesos e a recuperación da biodiversidade, tendo en conta os múltiples aproveitamentos posibles: desde a produción de madeira de calidade ata o pastoreo, a recolección de cogomelos, o uso como biomasa ou o fomento do ecoturismo.
Un dos principios fundamentais do proxecto é que os propietarios manteñen a plena titularidade das súas fincas, así como o dereito a decidir, xunto aos técnicos, que especies forestais se plantarán nos seus terreos. Deste modo, a participación é voluntaria, transparente e aberta ao diálogo.
“Trátase dun proxecto no que só podemos gañar”, afirman desde a entidade. “Recuperar camiños, limpar fincas abandonadas e previr incendios é xa un beneficio. Pero ademais estamos a falar de crear riqueza, emprego e valor social, transformando un problema nun recurso útil para todos”.
A segunda reunión informativa da Asociación celebrarase o domingo 6 de xullo ás 11:30 horas, nos locais do Centro Cultural Vicente Vidal de Leiro. Será a primeira xuntanza tras a constitución formal da entidade, e está aberta a todos os propietarios de terreos forestais da parroquia de Leiro, co obxectivo de informar sobre os pasos dados ata o momento e convidar á veciñanza a asociarse.
Con esta iniciativa, a parroquia de Leiro podería converterse nun exemplo de xestión comunitaria e sostible do monte, nun momento clave para afrontar o cambio climático e recuperar o equilibrio entre o rural e a natureza.

Barbanza-Arousa | O Barbanza