O Concello de Ribeira traballa na adecuación dunha praza dedicada a Quico Domínguez na rúa Romero Ortiz

O Concello de Ribeira rubricou nestes días un convenio de colaboración coa comunidade de propietarios dun edificio situado na rúa Romero Ortiz e lindeiro coa praza dedicada ao veciño Quico Domínguez en consonancia co acordo adoptado polo pleno da Corporación na sesión ordinaria do 25 de maio de 2026 no senso de “tomar en consideración […]
O artigo O Concello de Ribeira traballa na adecuación dunha praza dedicada a Quico Domínguez na rúa Romero Ortiz publicouse primeiro en O Barbanza. O Concello de Ribeira rubricou nestes días un convenio de colaboración coa comunidade de propietarios dun edificio situado na rúa Romero Ortiz e lindeiro coa praza dedicada ao veciño Quico Domínguez en consonancia co acordo adoptado polo pleno da Corporación na sesión ordinaria do 25 de maio de 2026 no senso de “tomar en consideración
O artigo O Concello de Ribeira traballa na adecuación dunha praza dedicada a Quico Domínguez na rúa Romero Ortiz publicouse primeiro en O Barbanza.  

O Concello de Ribeira rubricou nestes días un convenio de colaboración coa comunidade de propietarios dun edificio situado na rúa Romero Ortiz e lindeiro coa praza dedicada ao veciño Quico Domínguez en consonancia co acordo adoptado polo pleno da Corporación na sesión ordinaria do 25 de maio de 2026 no senso de “tomar en consideración o recoñecemento

á persoa de Quico Domínguez pola súa traxectoria de compromiso social e pola súa defensa da cultura galega, e noméese o espazo público que hai fronte á súa casa familiar, no barrio do Pombal, onde viviu a súa nenez e xuventude, co nome de Quico Domínguez”.

O obxecto desta sinatura deste convenio é a elaboración dun mural como un dos primeiros pasos para a adecuación de dita área, apostando así pola arte pública urbana como “un modo de expresión gráfica que vai máis alá do clásico graffiti e que se postula como elemento de cohesión e integración urbana e social, así como fórmula de posta en valor e humanización do municipio”.

A propiedade do devandito edificio comprométese a permitir á Administración local ribeirense intervir nesta fachada co compromiso de que a comunidade veciñal manteña o deseño mural durante un prazo de 20 anos. Pola súa parte, o Concello asume “a responsabilidade de eliminar uns elementos que sobresaen do inmóbel coa finalidade se salvagardar a seguridade cidadá e en aras á ornamentación que merece a contorna”.

Co inicio deste ano ano púxose en marcha en Ribeira unha iniciativa para recoñecer, lembrar e homenaxear a figura do enxeñeiro industrial, investigador e intelectual galeguista Francisco (Quico) Domínguez, veciño do Pombal (Santa Uxía) recentemente falecido. A proposta, que sumou estes meses múltiples apoios, foi impulsada por Xosé Manuel e Pura Gago Domínguez, sobriños de Quico Domínguez, xunto con Andrés Fariña Cadenas, amigo persoal de Quico, e por Santos Oujo Bello (presidente fundador do Ateneo Valle-Inclán, con sede en Ribeira).

A iniciativa consistiu nunha solicitude ao Concello de Ribeira para que fose dedicado un espazo público a Quico Domínguez no barrio onde viviu a súa nenez e xuventude antes de marchar a estudar a Vigo e posteriormente a Bilbao.

Entre as entidades que comunicaron a súa adhesión á iniciativa inclúense (entre outras) a Asociación Ateneo Valle-Inclán, Cáritas de Ribeira, a Mesa pola Normalización Lingüística, a Editorial Galaxia, a Fundación Penzol -que presidiu o propio homenaxeado-, a Fundación Xaime Isla, Cáritas Tui-Vigo, a Editorial SEPT ou o Centro Galego Bizkaia-Barakaldo,

Tamén, a título individual, persoeiros locais da cultura como o teólogo de Aguiño Andrés Torres Queiruga, o presidente da RAG, Henrique Monteagudo, os sacerdotes Cesáreo Canabal e Alfonso Mera (ex-párroco e párroco actual de Santa Uxía), o presidente da Editorial Galaxia, Antón Vidal Andión, o historiador e xornalista Xosé María Fernández Pazos, o escritor, historiador e profesor Carlos Callón, e o tamén xornalista Fernando Sarasketa. Amais, sumouse á proposta o sacerdote e doutor en Teoloxía Xosé Fernández Lago, con quen Quico Domínguez traballou na tradución da Biblia ó galego, directamente das linguaxes orixinarias.

Quico Domínguez, o fillo de Carmen “A Linterneira” e o mestre Pepe Domínguez, prematuramente falecido, naceu no barrio do Pombal, en Ribeira, no ano 1944. Enxeñeiro industrial de profesión, traballou durante un cuarto de século no Grupo La Artística. Foi profesor de I+D da Universidade de Vigo e en 2010 púxose ao mando da Fundación Penzol, logo de ter sido proposto para tal cargo por Francisco Fernández del Riego, ex-director da dita fundación e, tamén, da Real Academia Galega.

Quico e a súa irmá Pura fotografados na escola

Ademais de enxeñeiro industrial, foi un destacado articulista e un firme e sólido valedor da cultura e da lingua galegas, compromiso desenvolvido (e fortalecido co tempo) a través da súa estreita relación coa Igrexa.

Tamén ostentou o cargo de conselleiro na Editorial Galaxia e da presidencia na Editorial SEPT.

Ademais, foi co-impulsor da tradución da Biblia ao galego dende as linguas orixinarias.

No ámbito político, foi impulsor e secretario do Partido Galeguista entre o 1978 e 1992.

Quico faleceu o 31 de decembro de 2024, na cidade de Vigo.

Os responsábeis da iniciativa que busca honrar a súa memoria definiron así a súa pegada cultural, política, relixiosa e humana: “Para todos aqueles veciños de Ribeira que tivemos a sorte de coñecelo, para aqueles que tivemos a sorte de tratalo e, sobre todo, para aqueles que limos os seus artigos, Quico representa o ideal como persoa. Para os mozos foi un referente, un exemplo de fillo, orfo de pai de maneira temperá, que asume a súa responsabilidade de compaxinar o estudo e o traballo para axudar na casa; para os adultos é un home co que se podía contar nas múltiples tarefas que ten unha sociedade solidaria e comprometida co reparto da riqueza. Para os maiores representa un alarde de recoñecemento ao protagonismo que lles tocou vivir naqueles anos. Quico foi unha boa persoa, dun forte compromiso con Galiza, unha persoa dun alto valor intelectual, galeguista e cristián. Un ribeirense que sempre levou a Ribeira na súa memoria e no seu corazón. Que dende os seus artigos manifestaba a súa lembranza por Ribeira, polo seu barrio do Pombal e polos seus veciños”.

 Barbanza-Arousa arquivos – O Barbanza

Noticias Relacionadas