En abril de 2023 a raíz da publicación da Toponimia de Ribeira “O Barbanza” publicou unha entrevista co autor que saíu na edición 46 de marzo- abril de 2023 e que reproducimos deseguido: ENTREVISTA Fernando Cabeza Quiles ► Autor de Toponimia de Ribeira “Ribeira ten tres topónimos que non se documentan en ningún outro concello” […]
O artigo In Memoriam de Fernando Cabeza Quiles: entrevista co autor publicouse primeiro en O Barbanza. En abril de 2023 a raíz da publicación da Toponimia de Ribeira “O Barbanza” publicou unha entrevista co autor que saíu na edición 46 de marzo- abril de 2023 e que reproducimos deseguido: ENTREVISTA Fernando Cabeza Quiles ► Autor de Toponimia de Ribeira “Ribeira ten tres topónimos que non se documentan en ningún outro concello”
O artigo In Memoriam de Fernando Cabeza Quiles: entrevista co autor publicouse primeiro en O Barbanza.

ENTREVISTA
Fernando Cabeza Quiles ► Autor de Toponimia de Ribeira
“Ribeira ten tres topónimos que non se documentan en ningún outro concello”
Falamos con Fernando Cabeza Quiles, que achegou un novo e exhaustivo volume sobre os nomes de lugar do territorio ribeirense á colección Terra Nomeada
Os nomes de lugar do concello de Ribeira son o eixe temático dun dos novos volumes da colección Terra Nomeada, impulsada polo Seminario de Onomástica da Real Academia Galega. Falamos da obra Toponimia de Ribeira, que está xa dispoñible en versión dixital na sección de publicacións de academia.gal.
O autor, Fernando Cabeza Quiles, investigador fortemente vencellado á nosa comarca, profundiza na orixe e no significado dos nomes das entidades de poboación da capital do Barbanza, dende as nove parroquias (Aguiño, Artes, Carreira, Castiñeiras, Corrubedo, Oleiros, Olveira, Palmeira e Ribeira) ata os topónimos dos máis de 200 lugares que as compoñen, así como os que designan a lagoa de Carregal, a praia de Balieiros, o cume dos Forcados e as illas de Sagres.
Cabeza Quiles é un dos principais divulgadores da realidade toponímica do país, socio fundador do Instituto de Estudos Bergantiñáns e membro da Asociación Galega de Onomástica, entidade que colabora na edición de Terra Nomeada da Real Academia Galega.
— Fernando, que supuxo para ti esta investigación en Ribeira? Significa algo especial polos teus vínculos con esta terra?
— Absolutamente, vivín en Ribeira durante a miña adolescencia e primeira xuventude e volvo sempre que podo. Polas estradas de Ribeira e de todo o Barbanza andei moito en bicicleta, unhas poucas veces sen a debida precaución a toda pastilla detrás do Sarasquete na recta das Saíñas. En Ribeira, mon amour, tiven os meus primeiros ligues. Bailei no Casino (con garabata) e na Sala de Festas Cambeiro (sen garabata) e fun de mozo varias veces ao baile da Dorna (tamén con garabata). Fun un verán a sardiña no Hermida. Despois, cando marchei a estudar para Santiago, fixen unha chea de viaxes de ida e volta pola curviñela e mareante estrada vella no Celta (en realidade no Setra). Fun alumno no Colexio Galaxia de dona Carmen e de don Ángel Ron. Din clases no colexio de Corrubedo e no de Palmeira, fun moitas veces á pesca do facho neste último e tamén á localidade nas estival noites de luar, cando o mar estaba calmo coma un prato, co meu amigo palmeirán Antonio Sampedro, prematuramente falecido no mar unha fatídica tarde noite de forte surada, cando un vento adoecido entrou na ría coma un lobo famento. Meus pais Juan e Adela descansan o sono dos mortos nun cemiterio ribeirense á sombra dos piñeiros arrolados pola brisa mariña. Ribeira, con estas vivencias, é unha das miñas xeografías sentimentais, xunto coa Estrada (alí vivín de neno) e Carballo onde finalmente recalei por el amor de una mujer, como diría o cantante asturiano Danny Daniel. Forito deste meu ambular e periplo vital fixen, por esta orde, Toponimia da Estrada, Toponimia de Carballo, e agora Toponimia de Ribeira. I love Ribeira ou Ribeira mon amour.
— É certo que en Ribeira hai nomes de lugar que non existen noutros territorios? Podes achegarnos algúns exemplos destes topónimos ou de topónimos ribeirenses de carácter especial?
— No meu libro Toponimia de Ribeira, recollo e estudo toda a toponimia maior (os nomes dos lugares poboados, 215) do concello, máis os de Balieiros, Sagres, Os Forcados e O Carregal. De todos estes, son exclusivos do concello de Ribeira, quere dicir que non se documentan en ningún outro, os de Caramecheiro (lugar así chamado por ser outrora abundante no pequeno caracol chamado caramecha das dunas (Theba pisana), Listres (sinala un lugar que foi abondoso na planta chamada gesta) e O Cuideiros (lugar de terra dura, semellante a unha codia ou a anaco de pan endurecido).
“No meu libro Toponimia de Ribeira, recollo e estudo toda a toponimia maior (os nomes dos lugares poboados, 215) do concello, máis os de Balieiros, Sagres, Os Forcados e O Carregal.”

— O libro que nos achegas foi froito dun intenso labor de campo nas parroquias, cres que o traballo está rematado ou que é posible aínda descubrir máis nomes de lugar dos que fuches desvelando?
— Si que foi intenso, difícil e dificultoso o traballo, especialmente con algúns topónimos difíciles de relembrar. Ademais, cando empecei a facer o libro, rompín un xeonllo e cando estaba empezando a dureza e dolorosísima rehabilitación, xurdiu o confinamento e foime imposible viaxar a Ribeira para realizar o imprescindible traballo de campo. Este inconveniente resolvino grazas ao FB, que non tiña ata ese momento, poñéndome en contacto cos meus amigos e coñecidos de Ribeira que me ían contestando, vía internet, as preguntas que eu, coa miña pata quebrada, lles ía facendo dende a miña casa de Carballo: onde queda…
…este topónimo? o lugar é moi areento? antano houbo dunas?, aínda quedan alí muíños?, o lugar é moi pedroso?, vense sobreiras? recordas se houbo porcos teixos?, etc., etc. Eruditos, estudiosos e curiosos locais coas súas respostas, como Domingo Regueira, Manuel Lago Pérez, José Antonio Oliveira López ou Antonio Parada Mariño, que ademais é o autor das magníficas fotos do libro, aforráronme moitas viaxes a Ribeira. Tamén contei cos libros dos historiadores ribeirenses Daniel Bravo Cores e Xosé María Fernández Pazos. Despois, cando me recuperei algo da miña perna e se puido sair da casa, boteille vontade e patee moito o concello. En canto a rematar todo o estudo dos topónimos de Ribeira (e de calquera outro concello galego) é inacabable, porque falta toda a microtoponimia (os nomes dos lugares non habitados, pedras terrestres, pedras mariñas, regos, montes, leiras, e un innumerable etcétera).
– Cal é a túa metodoloxía de traballo?
– Cando empecei con esta miña afección ao estudo da toponimia, sobre o ano 1976 (xa choveu), só había un libriño do profesor Rabanal, que por certo veraneaba no edificio de Sarasquete nas Carolinas, e outro máis completo de Moralejo Laso. Iniciei os secretos do difícil e arriscado estudo da toponimia, con eses escasos materiais bibliográficos e co meu entusiasmo e intuición (creo que son moi intuitivo). Daquela percorrín Galicia en coche para comprobar se se cumprían os detalles naturais aos que se referían os topónimos, método que sigo practicando. Fixen tantos quilómetros, que ao pouco tempo tiven que despedirme do meu dous cabalos de cor azul, pero o meu esforzo e teimosía (de acordo co meu apelido, son moi cabezón) tivo recompensa porque o meu primeiro libro Os nomes de lugar, editado por Xerais, vendeuse como rosquillas. Outro método imprescindible, que agora felizmente se pode empregar máis, é a consulta de documentación antiga, que amosa a forma dos topónimos nun estado máis antigo, que nos pode dar pistas sobre o seu significado, caso do actual topónimo Corrubedo, que aparece en cartularios marítimos antigos como, antes de evolucionar á súa forma actual, Corovedo e Currovedo, o que nos indica que o topónimo foi hai moitos anos, no seu principio, “currum (veturum)” (curro para cabalos, etc.) vedro, veterano ou vello, como por exemplo, o topónimo Pontevedra se refire a unha ponte vedraia, vedra ou vella.

– Fernando, Ribeira non é dos concellos que máis sufra o fenómeno do despoboamento, aínda que supoñemos que non se verán por cen librado deste triste fenómeno demográfico, pero que acontece cando nun concello abundan os núcleos de poboación baleiros que atesouramos? Trátase dun traballo contra reloxo?
– Aínda que nos últimos anos recaeu, penso que Ribeira non ten ese problema en absoluto. No noso concello, permíteme que tamén o considere o meu e o manifeste, houbo, non sei se polas auras mariñas ou porque o marisco é afrodisíaco, un crecemento poboacional extraordinario. Moitos lugares aldeáns ou barrios do extrarradio que ata non hai moito tempo eran entidades illadas e independentes foron engulidas pola cidade de Ribeira da que agora forman parte. Recordo, por exemplo que o edificio do colexio Galaxia estaba case rodeado de leiras e que a próxima zona das Avesadas se atopaba, de acordo co significado agrícola do seu topónimo, cheo de terras de labor. A costa da Mámoa, á que subía moito na miña querida bicicleta, estaba baleira de casas e, empregando un termo mariñeiro, punta a chicote. Na Fieiteira, había fieitas e no Caramecheiro a xente aínda apañaba caramechas das dunas. Por outra banda, o traballo que habería que facer contra reloxo é o da recollida dos microtopónimos (topónimos menores de lugares non habitados de leiras, pedras, penedos, pequenos bosques, camiños antigos, regos, etc.). Se non se fai axiña vanse perder, o que é unha mágoa porque hai moitos rapaces licenciados en galego ou galego-portugués en paro, que poderían facer ese traballo moi ben.
– Ademais das parroquias, o teu traballo en Ribeira tamén te levaría á costa e ás relevantes paraxes naturais do concello, non é así?
– Si, así como a cidade de Ribeira non é bonita urbanisticamente falando, as paisaxes de mar do concello son inmellorables e moi numerosas. É difícil escoller ante tanta beleza, pero eu destacaría o Carreiro de Aguiño visto dende o miradoiro da Pedra da Ra, co seu rosario de pedras e pequenas illas, (Noro, Vionta, etc.), entre as que se abre paso o carreiro ou canle marítima por onde navegan con catro ollos os barcos pesqueiros da frota de Ribeira que veñen do norte, sen necesidade de entrar na ría por fóra da Sálvora. No libro pode verse unha magnífica fotografía do Carreiro dende o miradoiro de Tucho Parada.
– Cando poñerás o foco nos restantes concellos do Barbanza? Xa tes en mente máis proxectos?
– Por agora máis libros da toponimia dos concellos do Barbanza non teño pensado escribir, son traballos moi esixentes e dificultosos e nesa colección xa fixen os tres devanditos. O meu próximo obxectivo é publicar un libro de relatos que titularéi Defuntos e santos inocentes; estoumos amosando no meu FB como experimento e gustan moito. Con todo, non estou certo de que poida publicalo, porque as editoriais galegas publican unha literatura creo que demasiado militante (humilde, pero firmemente, opino que non o están a facer de todo ben).
Barbanza-Arousa arquivos – O Barbanza
